O Milenio (A voapluma, 31/10/1999)

Todo é Milenio, como se os milenios existisen, tivesen comezo e fin. Hai quen se está a preparar prevendo unha hecatombe, só porque coida que o 31 de decembro do 99 vai entrar nun “nivel cuántico” diferente do actual.
Parvadas, histeria, e promocións comerciais… Outra cousa é o problema informático do cambio das últimas cifras de 1999 (ou sexa, o 99) polas do 2000 (ou sexa, o 00). Seica as compañías subministradoras de enerxía eléctrica non desbotan fallos co cambio de ano; polo que as de servicios de telecomunicación están a prepararse para teren que alimentar por medios propios os seus equipamentos durante, se cadra, un día…
Nada máis (e non é pouco) porque o resto é puro convencionalismo do calendario cristián.
O que importa, logo que un se afasta do ecuador sobre a Boliña Azul, é que os equinoccios e os solsticios fican claramente marcados; e que con eles veñen os cambios de estación.
Se fosemos prácticos, mediriamos o tempo a partir do equinoccio de primavera, cando se sente que a vida colle forza, e iniciariamos o ciclo anual en cada hemisferio con seis meses de diferencia.
Aínda máis: poderiamos aceptar como ano primeiro da Era o do descubrimento do transistor, base da nosa civilización.
Mais, con todo, habiamos seguir nos convencionalismos que a nada conducen, salvo ao esaxero:
Contáronme no Río de Xaneiro que abunda a xente disposta a pagar mil cincocentos reais —máis de cento vinte mil pesetas— por recibir o 2000 nun restaurante do Corcovado.
E aínda se han de ver maiores disparates.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 31/10/1999]

Share