O ticket (A voapluma, 29/10/1999)

Hai algo do nacionalismo españoleiro (non da españolidade crítica) que chama a miña atención: quixeran fusilar en praza pública o honorable (“Jordi, enano, habla castellano”) en canto renden a cerviz diante do inglés; e, aínda máis, mostran o espírito do colonizado introducindo no castelán palabras que se fan de todos a forza de “lingua superior” no sistema diglósico da periferia.
Non vou falar de asneiras pavorosas coma as de “esponsorizar” ou “computerizar”, adaptacións á “lengua culta española” que hai a feixes, senón de cousas máis vulgares, como por exemplo stop, parking e ticket.
Viáxese polas Iberoaméricas e veránse solucións como “pare” ou “estacionamiento”, e abonda cruzarmos a invisible fronteira do Miño para nos decatarmos de que os portugueses non están tan barbarizados: ao entrar na autoestrada recóllese un “título”, e cando se paga recíbese un (naturalísimo) “recibo” —nada de tickets…
En certa ocasión ía eu en taxi por unha populosa urbe británica cun español dos que din falar inglés, e cando chegamos ao destino, o meu acompañante, solícito, empeñouse en pagar, cal fixo sen dificultade por estaren libras e peniques claramente marcados no taxímetro.
O problema veu cando o español lle pediu ao taxista: “Please give me the ticket”. Daquela o taxista mirouno con cara de abraio, e eu calei, divertidísimo, á espera da solución. Que veu, flegmática, do verdadeiro angloparlante: “This is not a bus, sir”.
E é que en ningures —que eu saiba— se compra billete para viaxar en taxi.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/10/1999]

Share