Prexubilados (A voapluma, 28/10/1999)

Como cando chegou o do divorcio oías “Separouse o Tal” e dicías “¡Arrecoime!”. Despois sentías dicir “O Cal xa se divorciou” e respondías “¡Carafio!”. Por fin, xa non facías caso.
Agora é coa prexubilación. Os primeiros andaban polos sesenta e poucos anos; ou sexa, tres ou catro máis de complemento de pensión, e fóra: pensionistas por dereito. Pero hoxe van caendo dos nosos anos e a perplexidade fainos botar algún palabrón. Porque nos parece imposible que Tal ou Cal, que traballaron coma bois, agora anden vagamundos; e porque se fai duro aceptarmos que nós, por calquera viraxe na vida, sexamos dos que se vaian xubilar con setenta anos, coma os nosos pais…
Sempre envexei a dous amigos, porque, sendo eles un pouco máis vellos ca min, conservan o cabelo e a barba coma de novos, cando os meus viraron da cor senecta hai moito. Un anda adoecido, mirando como arranxar un choio que non lle estrague a composición dos emolumentos nin o obrigue a cobrar en negro. Do outro sei que deu en pescar en barco con colegas da nova profesión do amargo far niente pero sofre de mareos.
No entanto lemos que falta xente para moitos oficios. E pregúntome por que un bancario ou un deliñante (toda a vida metidos nunha oficina) non botan quince anos máis na saúde do exercicio físico…
Será unha tolada o que penso, pero non podo evitar a necesidade de escribila, por se alguén se anima a ser, por exemplo, o forxador que en soños se vira facendo reixas e rellas.
Un émulo do Vulcano ben pode chegar a ancián ledamente.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/10/1999]

Share