O turco eterno (A voapluma, 26/10/1999)

Xa pasou: gañou De la Rúa, o do apelido que cheira a galego castelanizado e que se mostra orgulloso -sendo pouco falador- da súa procedencia galeguísima, de Bueu por máis sinal.
Gañou un tipo “gente bien” aínda que non “bienudo”, descendente de amigrantes de “la Madre Patria” á que se lle nega o peixe porque, xa se sabe: “a los gallegos, amansadera. Que se dejen de joder”. Todo o pobo (ou sexa, algo máis da metade) estaba farto de turcos, como por veces, mesmo tendo saído do profundo sur italiano, se cansa de tanos -e non falemos de canto o cargan os rusos, os máis estraños dos gringos, xudeus de relixión.
A xente estaba farta dunha Arxentina coa cara lavada e as tripas baldeiras, con asaltos diarios e ganas de comer quente cando se podería “tirar la manteca al techo”, que o país é único no mundo: o máis rico, quizais, en proporción ao número de poboadores.
O turco é musulmán, pero aparentou católico para ser presidente; e levaba patillas de xefe do planeta dos simios para parecerse a un Quiroga de apelido galego, heroe da loita contra os gallegos realistas. A G.C.U (“gente como uno”) católica de veras, de familia e nación, enfermaba ao velo comungar, e sabía que o fillo fora enterrado de cara á Meca…
¡Que cambio, señores: turco por gallego! O malo vai ser cando haxa que pór o peso no seu sitio; ou sexa: parello co real brasileiro, á metade dun dólar.
Daquela, nin raza nin relixión presidenciais van aliviar o desastre: a débeda eterna.
Iso é o que espera o turco, para volver.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/10/1999]

Share