Corpiño xeitoso

Hai pouco saía ao público unha «biografía autorizada» do xenial Andrés do Barro. Artellada pola seguinte xeración do biografiado, ten algún erro e moitas elusións. Por exemplo, erra canto ás letras das cantigas que o Andrés musicou tan exitosamente. Ao contrario do que di o biógrafo, Andrés estivo rodeado de amigos xenerosos, que nunca esixiron pór o seu nome na Sociedade Xeral de Autores. Lingüistas profesionais coma Vicente Araguas -cantautor de sona- din que unha simple análise dos versos dobarrianos logo indica o verdadeiro autor (como pasou cos «poemas galegos» de Lorca, tras dos cales estaba Ernesto Guerra da Cal).

Nestas semanas lévase falado dabondo sobre os grandes éxitos do Do Barro, e un soa arreo: Corpiño xeitoso. ¿Quen é a moza que lle inspirou a canción ao xenio?, pregúntase. Mais a pregunta debería ser outra: a tal beleza, ¿a quen lle inspirou esa letra? Porque canta que non é orixinal do Andrés… Como fose, foi. Mais corre nas redes sociais unha foto reveladora: a do corpiño xeitoso na fervenza do río Sesín, no máis fondo das fragas do Eume, e alí non aparece o Andresiño, incapaz de dar catro pasos monte arriba. Ela prefería os atletas, e non tiña moi bo oído… Algún día haberá biografía desautorizada e aplaudirán os que trataron, e quixeron ben, o xoguete roto.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 30/08/2015.]

Share