Nervios ao corazón (A voapluma, 25/10/1999)

Seica Carlos Casares tivo un sustiño cardiaco; pero leo na súa columna de La Voz de Galicia que o susto ficou na posibilidade de espremelo en forma de fabulación xornalística.
O acontecido tráeme á memoria unha señora moi querida que falaba galego de lección para filólogos e escritores, coas súas peculiaridades. Por exemplo, de moito vivir en Francia, mandaba á xente “regardar” as cousas (mirar por elas). E, cada vez que un veciño sufría indisposición localizada en calquera parte do corpo, diagnosticaba que “se lle agarraran os nervios ao estómago” (e “ao fígado”, “á cabeza” ou “ao corazón”, como lle debeu pasar ao amigo Carlos).
Pero as anécdotas lingüísticas daquela alma boa non remataban aí. Teimaba ela por se expresar ben, con precisión, mais non sempre atinxía o termo correcto no seu arquivo vivencial, de linguas sen lecturas, adquiridas de oído.
En certa ocasión contoume que, morando en París, houbo de ser operada “de abaixo” (indicou discretamente o pube) e que, cando espertou da anestesia, veu descubrir que a contemplaban familiares e amigos, todos eles “cun paniño deses dos médicos por diante da boca” (tapou a súa coa man).
Indagou a causa de tanta prevención —quizais a gravidade do seu estado posoperatorio— pero tranquilizouse ao saber que as mascariñas eran “para non me botaren o sulfato, non fora o demo que as visitas me pasasen un catarro”…
Espero que ao Carlos lle guste esta “piada” antiacadémica —coa que lle desexo saúde e humor desde as páxinas de Diario de Ferrol.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/10/1999]

Share