Carne de avestruz (A voapluma, 24/10/1999)

Convido a xantar a don Pedro Rossignoli, decano da Faculdade de Enxeñería da Universidade Católica Arxentina. Escollo, unha vez máis, O Escudo de Serantes, na casa onde naceu e se fixo xenial don Gonzalo Torrente Ballester.
Dona Beatriz, señora de Rossignoli, escolle de entrante polbo á galega. Dama de gustos diferentes en terra de carnes “rexias”, explícanos como guisa o cefalópodo do Mar Austral en canto libamos un godello de sona.
Despois veñen as ameixas da ría e os toros de peixe do Gran Sol e, doadamente, a conversa segue polas curiosidades desta Galicia difícil de imaxinar mesmo para o visitante porteño, nativo da quinta provincia galega: entre elas -comento- que unha especialidade da casa é a carne de avestruz.
O matrimonio Rossignoli óllame con sorpresa, pero, logo de teren visto tanto eucalipto de procedencia australiana, non lles resulta estraño que en Galicia tamén se críen as estrutiónidas orixinarias de hemisferio e continentes distintos dos nosos.
Dinme que nunca probaran a delicia corredora das liberdades gauchas. Nin ñandú -á guaraní- das pampas nin choike -á araucana- da Patagonia foran motivo de banquete para eles.
Suxiro, por tanto, probarmos a “picana” (peituga) de avestruz de Vimianzo; e logo chega, carne riquísima: nin de ave nin de vacún.
E saímos dos Currais de Serantes nunha leda condición, do deber cumprido: pola miña banda, de ensinar a quen non sabe. Pola súa, de aprenderen sen prexuízo: o de viaxar dez mil quilómetros para experimentar o que se ten na casa.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/10/1999]

Share