Beiras (A voapluma, 23/10/1999)

Taberna da Penela, en María Pita, preto da chama eterna da estatua que proclama “libertad”, non “liberdade”, aínda que Paco et caterva saben que daquela -cando o de Drake- na Coruña só se falaba galego.
Gústame a taberna polas tortillas de Betanzos e porque a dona (pola miña suxestión, como recoñeceu e lle agradezo) retomou a pureza do topónimo orixinario, cando o restaurante veciño se chama La Penela.
Levo uns amigos a cear, e, gozando o mellor desa casa, dou cos ollos no Xosé Manuel, en compañía de máis xente querida.
De cando en cando miro para el: véxoo acorporado, cano, barbudo, longas as guedellas rizadas, de sport -e voume a un distante Madrid do 68, e a unha carta de meu pai anunciando que ía estar moi cerca de min “o xenro de don Domingo” (García-Sabell, seu colega médico).
Foi no colexio maior San Juan Evangelista onde coñecín un rapaz delgadiño, loiro, barbeado e repenteado, de traxe azul e gravata roxa, que fumaba tabaco americano en tempos de Celtas; que nos falou do atraso económico do Impaís idealizado polos galegos da diáspora intelectual.
Deixoume convencido; e despois, cando comecei a visitar a don Ramón Piñeiro, nunca perdía ocasión de pasar polo piso de abaixo da casa compostelana do pensador, reclamado por unhas notas de piano.
Xosé Manuel e eu falabamos de Galicia, e de Eça de Queiroz… Esta noite coruñesa saudámonos como cómpre; e eu saín á noite coa profunda envexa que el sempre me causou: a que me causan todos os que saben expresar o mellor de si a través da música.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/10/1999]

Share

One Comment

Comments are closed.