Chico busca chico (A voapluma, 22/10/1999)

Con varios xornais resesos, sento diante do televisor no cuarto dun hotel portuense. Voume entregar á lectura e ao zapping antes de facelo aos brazos de Morfeo. Fóra ruxe o vendaval.
Premendo botóns, paro nunha escena familiar, con taxis negros e amarelos e fala inconfundible: “Vení, vení, salí del auto…”. Buenos Aires querido, outra vez. Ávido daquela realidade, ao pouco véxome na sordidez da vida duns chineses explotados por outros nun restaurante da cidade inmensa. Todos son homes. Algúns, á saída do traballo danzan apertados, béixanse na boca con fruición, cóllense das nádegas, compoñen unha mecánica non estraña entre varón e femia…
Salto de cadea. Pero o temporal alén das fiestras lémbrame unha noite semellante en Cardiff; e horas de visita ás librerías, con medo de retornar á rúa. Nunha tenda, grande oferta do Gay Kamasutra, ilustrado con luxo, que paga a pena follear, aínda que só sexa para alucinar…
Encadeando lembranzas, aparece un paseo a cabalo polos montes de Arteixo; e un mirador belísimo, coas Sisargas ao fondo e o cuco a cantar. Alí, unha revista abandonada. Curioso sempre, leo a publicación: “Y te penetré, querido, y te llené la entraña con toda mi potencia”…
Chico busca chico: o xornal trae todo un repertorio, e eu sei que son moitos e teñen dereito a existir, coma min, por seren -malia a fisioloxía- naturalmente así.
Por iso, pídolles perdón en público. Porque, ao saber do seu, non podo evitar un noxo profundo, químico, heterosexual.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/10/1999]

Share