Vigo, simétrico (A voapluma, 21/10/1999)

Con perversidade natural, Natura vaime perseguindo desde A Coruña ao Porto. Cae a noite sobre a autoestrada e a radio repite noticias da falta delas: as forzas de salvamento mariño de Lisboa acaban de abandonar os traballos de procura dos tripulantes do barquiño galego que saiu de Asturias e ía matricularse nas Canarias…
Tres cuartos de hora a Santiago; outros tantos a Vigo. Xa nas coordenadas viguesas, medo de saír dos túneles: fóra deles espera o diluvio. Deixando Vigo, unha desesperación de enlace entre autovías que ninguén rematou de todo. E un perigo mortal, continuo, ata as proximidades do Porriño.
Tres cuartos de hora entre Vigo e Braga; tres cuartos máis e vaise chegando ao estacionamento final, no centro do Porto. Na recepción do hotel, a revista ECO. En entrevista de Vázquez Pozo, Xosé Luís Méndez advirte da realidade oculta baixo a vontade de reconstruír a Gallaecia histórica: o eixo Madrid-Lisboa, reforzado cunha autoestrada recente.
Pero custa traballo pensar que, desde o seu posto de mando simétrico, Vigo non vaia facer algo de que Bruxelas guste aínda que non guste moito nas vellas capitais políticas da Iberia. Porto-Braga-Vigo-Santiago-Coruña (o apéndice de Ferrol á espera de viaducto e ponte)… Sen chuvia e con melloras na pista, dúas horas e media.
Caldo verde. Viño verde. Pescada. Diluvia sobre a “Barcelona portuguesa”. Eses náufragos galegos, coitados, xa non verán o que outros esperamos ver: a Portugaliza dos poetas mandada polos industriais do Eixo Atlántico.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/10/1999]

Share