O aplausista (A voapluma, 19/10/1999)

En espléndida noite de agosto, Plácido Domingo cantou en Compostela, acompañado por unha substituta de Ainoa Arteta. Debeu Prisciliano interceder por nós os mortais (especialmente por Xesús Pérez Varela, responsable coa perna quebrada) e a chuvia nin ameazou. No Obradoiro todo soou ás marabillas e, ao final da función, Telefónica, personificada en Galicia por Xosé Anxo Veiga Abeledo (para detalles, de Ferrol) convidou unha parte dos asistentes a un village no Hostal.
O tal do village é o que antes adoitaba chamarse cocktail, ou sexa: unha refección con comes e bebes, sen cadeiras nin mesas en que apoiar masticación, deglución e libación.
De pé nos atopamos moitos coñecidos -en boa parte do gremio das comunicacións-, fomos falando das nosas cousas, desde as máis tecnolóxicas ás máis privadas; e, nesta circunstancia, de conversa vivaz coa copa na man no patio da rexia casa, sentimos que alguén batía palmas.
Intrigados, observamos un suxeito barbado e alto a aplaudir con teima e paixón. Logo vimos que tamén aplaudía a colega de Domingo -moza con “peito de pomba farta”, que diría Eça- e axiña vimos aparecer o cantante acompañado por don Manuel
Diante destes espectáculos, un pregúntase ata onde chegan o show e a vaidade; porque Plácido Domingo é un dos grandes da música mundial, directivo da Global Music Network, productor desexado para os que comezan e queren proxectarse na rede de redes.
(Por certo, para ese tipo de bufón acompañante imaxino o título de “aplausista”. Espero que valla.)

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/10/1999]

Share