Portas ao campo (A voapluma, 17/10/1999)

Estes días tivo lugar en Xenebra o Telecom, feira mundial de obrigada visita: nela tracéxanse os futuros imediatos, e no visitante fica unha percepción do que é seguro e do que é incerto. Por exemplo, no seu día —hai lustros—, logo de visitala advertimos que a televisión de alta definición non era viable. E, velaí, chegándonos xa, unha televisión dixital “modesta” pero máis que dabondo para o que os nosos sentidos poden percibir.
Telecom marca este ano a imposición da telemática en todos os campos da actividade humana. Desde a Suíza olláse o mundo como o que é: Boliña Azul sobre a que pululamos seis mil millóns de criaturas necesitadas de nos comunicar.
Se algo resulta tópico da feira, iso é a interrede que todas as redes telemáticas pode conectar. A Internet é un todo, globalizador.
Por tanto, chama a atención un comunicado da revista da Internet Society: o fornecedor de servicios de rede do goberno indio bloqueou o acceso ao servidor de páxinas do diario paquistaní Down, publicado en inglés, lingua franca dun inmenso subcontinente fraccionado en tres estados inimigos.
Hoxe non se concibe que ningún goberno tente “cortar” a rede que non ten dono, pórlle portas a un campo aberto. Este comentario corría por Xenebra; xunto coa maneira de acceder á información prohibida polo goberno dos nacionalistas indús, os da bandeira cor de azafrán: sinxelamente dirixíndose a “sitio” tan suxestivo coma Anonimyzer.com.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/10/1999]

Share