O imperio ruso (A voapluma, 18/10/1999)

O seguimento de TIME, da CNN ou do aparentemente aséptico National Geographic logo nos vén descubrir que os americanos teñen unha especial preocupación por países que parecían propios das aventuras do Tintín: ¿Quen pensaba que existían —por exemplo— o Turcmenistán, a Inguxetia, a Chechniá ou o Acerbaián?
Antes nada sabiamos deles porque formaban parte da hermética Unión Soviética, herdeira do imperio ruso, afastado e exótico, aínda máis complexo en cuestións étnicas cós grandes imperios transoceánicos europeos. Pero agora andamos a descubrilos, e a situalos nunha estraña zona da Asia, coas súas paisaxes e os seus conflictos…
Hai días veume ver a Ferrol un amigo galego, emigrado á Arxentina. Enxeñeiro industrial, especializado na exploración de campos petrolíferos, vive na capital do petróleo patagónico e ás veces vai traballar polas inmensidades asiáticas mencionadas.
Alén das aventuras que relata, meu amigo insiste en que canto que se está a cocer por eses lugares ignotos pouco ten que ver co cristianismo ortodoxo e o islam, ou coas escrituras cirílica e arábiga, senón co petróleo, que forma mares no sochán das estepas. E que a preocupación ianqui —dos magnates do ouro negro— está en que haxa quen poña paz, a custo aceptable, cos señores da guerra de cada lugar.
Hai riquezas para extraer e exportar. Se cadra, logo, o exército ruso non está tan só como parece na súa guerra convencional e sistemática contra os supostos integristas islámicos: Wall Street sempre soubo pagar xendarmes.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/10/1999]

Share