Funil de Fene (A voapluma, 16/10/1999)

Todas as mañás, segundo tomo consciencia do novo día, xorden na miña memoria un nome e un martirio: Fene, e a perda noxenta do tempo, con gasto inicuo e risco de chegar tarde. Imaxino a saída da autoestrada en Laraxe e a incorporación a unha lenta ringleira de vehículos que tentan atravesar a vila dos estaleiros (e das mellores ameixas do Impaís). Da Coruña a Laraxe pódese tardar vintecinco minutos, e, con sorte, outro tanto de Laraxe a Ferrol; pero, sen sorte -como hai uns días-, aínda se gastan tres cuartos de hora da saída da autoestrada do Atlántico á ponte das Pías.
O caso de Fene é para rexistro no Guinness: de esganamento do tránsito durante décadas; e de idiocia colectiva, a dos habitantes deste anaco de Galicia que idiotamente non se converteu na Cidade das Rías, coas súas pontes harmoniosas sobre as de Ares e Ferrol; e a dos administradores -aos que estupidamente votamos- que non souberon prever, e actuar en consecuencia.
O día dos tres cuartos de hora había reunión dos empresarios galegos na Malata de Ferrol, e moitos deles aturaron a mazada porque tamén deben ser pampos. Como idiota é Galicia enteira, que xa sufriu o funil de Redondela con paciencia de “pueblo de almas rendidas”.
A babosería chega a que haxa quen tema realizar o proxecto de “ronda Oeste” do concello fenés “por se iso retrasa a finalización da autovía”…
En fin, pido público perdón ao xeral dos galegos, e aos gremios mencionados; porque eu non son galego, e porque tal vez sexa o verdadeiro parvo deste conto.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/10/1999]

Share