Proposta indecente (A voapluma, 15/10/1999)

Teño un amigo tan popular que non se pode andar con el na rúa, porque, onde queira de España que se ande, sempre se atopará un neno a dicir “Mira, mamá, quién está ahí”, ou un señor velliño a agradecerlle a compañía televisiva que lle fai. Grande conductor de programas, tamén é escritor -de especialidade moi afastada da ficción- con cifras que demostran ser el o campión das vendas de libros…
Hai uns días, chamoume e díxome que, nun corredor dos estudios onde traballa, acababa de atopar o Marqués da Alcarria precedido, a xeito de paladín, pola marquesa consorte. Viñan de presentar o último (quizais derradeiro) producto literario do ancián (ou dos seus negros; ou del e dos negros, que pode haber de todo): texto leñoso que só catedráticos de Literatura Universal se atreven a cualificar como novela, e a xente a de a pé admite como “algo que cómpre ter na biblioteca”.
Ao parecer, saudáronse; e, logo do saúdo, o meu amigo tivo unha idea que lle pareceu boa: el chamaría os organizadores dun “concurso planetario” de novela e diríalles que estaba a escribir unha importante historia da Galicia tradicional na que se criou, con todos os tópicos da visión madrileño-alcarreña do Impaís, meigas incluídas.
O resto era cousa miña: inventar algo, ou amañar un orixinal impublicable, de calquera escritoriño condenado a non existir…
O que non me ficou claro (o meu amigo é un brincallón) foi se me falaba en serio. Ficoume, si, que iriamos a medias; e a dúbida de se a proposta é de todo indecente.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/10/1999]

Share

One Comment

  1. moncho iglesias

    Eu amañaría o orixinal de o escritor condenado a non existir, e meteríao a el no choio. Inda estades a tempo de facelo. O descoñecido escritor comería. A historia de Galicia non sería peor que outras xa publicadas. Perderiades purismo, si, pero gañariades un amigo: o escritor. Y a o mellor abríaselle una porta…

Comments are closed.