Paddington (A voapluma, 14/10/1999)

Paddington é unha das grandes estacións londinenses dos camiños de ferro; e, agora que se van apagando os ecos do desastre recente nela, evócame unha anécdota:
Nunha certa época eu tiña que viaxar con frecuencia de Paddington a Reading (lugar da literaria cadea de Oscar Wilde) e miraba con moito tento horarios, traxectos e paradas: simplemente porque, se un non abordaba o convoi preciso, podía pasar de estación e ter que recuar combinando.
Unha noite subiu ao tren comigo un suxeito mouro cun paquete que mal podía meter no departamento, e que deixou ao meu carón para logo disparar cara á xanela, ao outro lado do corredor.
Os letreiros das estacións onde non paraba o tren pasaban coma centellas. O mouro, que debía estar a ollalos, de súpeto ergueu as mans á cabeza e lanzou unha imprecación en lingua incógnita.
Pouco despois paraba o tren na negrume, no medio da nada, e o mouro entraba no departamento a coller o seu vulto. Eu coidei que tal escuridade se debese a termos parado nun extermo de andén, pero oín como os viaxeiros se alporizaban; como, en ton angustiado, se preguntaban por que pararamos alí. Preocupeime, saín ao corredor e escoitei a hipótese de que alguén activara o freo de emerxencia…
Pouco a pouco, o convoi retomou a marcha. Chegamos á seguinte estación -Slough, se mal non lembro- e, para a miña sorpresa, vin como o mouro era conducido, preso, entre dous policías co uniforme azul dos camiños de ferro. Após del, nun carretiño, seguía o paquetón.
Nunca vin ferrocarril máis eficiente.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/10/1999]

Share