Do Celta ao Racing (A voapluma, 13/10/1999)

Gobernos de coalición: Lugo, Ferrol, Santiago e Vigo… O de Vigo, menos, porque o Príncipe González, émulo do rei Vázquez da Coruña, anda no seu. Aos ollos do público non coaliga en materia de idioma: o alcalde normaliza e el desnormaliza o galego. É unha teima do rapaz: andar a contrafío, porque isto non é Cataluña e os de fóra somos moi poucos. Pero —aínda máis—, a Gallaecia histórica, en reconstrucción co beneplácito de Bruxelas, ten por capital Porto-Braga-Vigo. Ou sexa, que o mellor é ir falando galego e escribindo con normativa integrada…
O médico metido a político seica se empeña en navegar na jangadinha de pedra ao estilo do alcalde da cidade en que ninguén é forasteiro salvo os galeguistas. E a cousa ten que ver co fútbol, ou alomenos conecta co fútbol, cun equipo de sona que, como todos, non é local senón internacional pero defende —mercenariamente— a imaxe da cidade.
O Celta non cumpre cos deberes que o concello patrocinador lle impón en materia de dicir que estamos en Galicia. Que non o faga o Deportivo, aínda ben, porque xa sabemos a pailanería que nos goberna na Coruña, pero o Celta, equipo da verdadeira capital (industrial e financeira) do Impaís, debería comportarse doutro xeito.
Como doutro xeito esperamos que se comporte o Racing de Ferrol, onde o Bonifacio Borreiros tende a falar en galego mesmo pertencendo a un partido con figuras principescas e vazquianas.
Ferrolán —na Habana— foi o home da Bandeira e o Himno de Galicia. Esperemos que se faga honra á súa memoria.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/10/1999]

Share