Montes de lixo (A voapluma, 11/10/1999)

Día de esplendores outonais, de figos co pingo de mel a se ofreceren, de hórreos abertos, baldeiros á espera da nova colleita de maínzo, de ceos limpos nos que o fume para quieto, como á espera de ordes.
Arreei a Aixa, miña besta fiel, e collemos monte a través cara á beiramar, por vellos camiños marcados de rodeiras profundas; por pistas novas, de acceso ás infinitas plantacións de eucalipto; por estradiñas asfaltadas a golpe de campaña electoral.
Mudaron os cheiros, do lentor do bosque á frescura da marusía. Todo era ledicia e entrega á Señora Terra -se non fose pola cantidade de lixo que fomos atopando: cascallo de obra, incluso tazas de retrete e bidé; mobiliario rebentado; lotes de roupa vella; electrodómesticos (a coitada da Aixa gañou un susto terrible cando, tras dun tronco de árbore, se lle apareceu o espectro alto e branco dunha neveira)…
E non acababa aí o desastre. Por todas partes a onde pode acceder un coche, bolsas cheas de desperdicios, evidentemente lanzadas desde a xanela, ao pasar.
Galicia -onde o visto por min e pola Aixa seica se repite- é unha inmensa esterqueira; os montes están cheos de lixo: todo o mundo tira coas inmundicias no terreo que non lle pertence, sen aparente preocupación polo que os demais poidan botar no seu.
Farto de ver tanta porquería, parei para deixar a egua tosquiar as puntiñas verdes do toxo e dei en pensar que non hai mal que non traia ben: gracias á inconsciencia dos galegos de hoxe, arqueólogos do futuro verán o seu traballo facilitado.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/10/1999]

Share