Eça e Castelao (A voapluma, 10/10/1999)

Ano 99, centenario do nacemento de Borges; e de Hemingway, que escribiu de oídas sobre a guerra civil española, segundo me contaba Ernesto Guerra da Cal na súa casa de Cascais. 2000, centenario da morte de Eça de Queiroz, cincuentenario da de Castelao.
Confeso nunca ter relido nada de Borges nin de Hemingway, pero vivir relendo a Eça de Queiroz. Un amigo, fillo dun grande bibliófilo coruñés, enxeñeiro famoso polas pontes que deseñaba, rouboulle ao pai un exemplar repetido de A Relíquia e levoumo ao colexio maior onde nos faciamos universitarios. Aí comezou a miña paixón por José Eça de Queiroz, que pesa coma unha lousa esmagadora sobre todo canto prosista tente exercer de tal na lingua que a partir de Eça nunca será só de Camões.
No 2000 imos celebrar o pasamento de Castelao, morto antes de tempo nun cuarto do hospital do Centro Galego de Buenos Aires. Pero Castelao, grande pintor, magnífico debuxante, non era máis nada ca escritor por necesidade de facer patria…
Gustaríame recomendar aos galegos a lectura de toda a obra de Eça, como debeu facer Valle-Inclán, quen, con tanta fillarada e as consecuentes necesidades, non dubidaría, se cadra, en aproveitar a súa condición de galego para ler e —case— transcribir en castelán o do xenio portugués, que tamén morreu no mellor da vida.
Alomenos iso sostiña —e escribiu— Ernesto Guerra da Cal, ferrolán novaiorquino ao que a cultura portuguesa debe a presencia de Eça nos entornos literarios e universitarios anglosaxóns.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/10/1999]

Share