Borges 99 (A voapluma, 10/10/1999)

Víctor Freixanes e Anxo Basanta téñenme chamado a atención porque digo “inconveniencias” sobre Borges, centenario en 1999. Pero eles non coñecen a Arxentina e eu si, de La Quiaca a Uxuaia; eles son catedráticos de Literatura e eu nunca pasei de enxeñeiro lector.
María Esther Vázquez trouxo a Borges a Galicia, paseouno por Santiago; e eu pregunteille para que se pode traer un cego a compostela (xa Cervantes se laiaba da tristura que para un invidente debe ser andar por Granada, que non é nada en comparanza coa cidade-túmulo de Prisciliano)…
Se a alguén lle eu tivese que dar contas do que digo de Borges, esa sería María Esther, galega de raza e consciencia en Buenos Aires, distante dunha María Kodama que saiba Deus de que barco descende.
Nin ao Víctor nin ao Anxo —por moito que os queira— lles podo admitir máis autoridade cá miña para dicir que Borges, escritor de contos, non é a Arxentina narrativa. Da miña última estada alá trouxen libros para varios amigos, e xa recibín a información que quería: Zaza Ceballos recoñeceume que El inglés de los güesos, de Benito Lynch, é un novelón…
Don Benito Varela Jácome sabe, coma min, que a Arxentina ten outros nomes, de xente coa vista clara e moito —inmenso— país ás costas. E a miña sogra dí que Borges era un pedante: certa vez, nun teatro de Buenos Aires recitaba sir John Gielgud a Shakespeare e un pesado na ringleira de atrás facía eco do grande actor británico. Miña sogra, farta, mandoulle calar repetidas veces.
Era o actual centenario.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/10/1999]

Share