Polisóns (A voapluma, 07/10/1999)

Apareceron cadáveres, entre moreas de cereal. Viñan da Romenia miserable, herdeira das tolerías do tirano Ceaucescu. Soñarían con se introduciren nunha Unión Europea onde “se tira la manteca al techo”, como din os arxentinos. Pero sorprendeunos a Parca con gaseoso disfrace; como a tantos africanos sorprende en forma de ondas e escumas…
Nun boliche patagónico escoitei unha historia de galegos: Vigo, falanxistas furibundos, dispostos a pasear rojos, o medo a roer nos calcañares, un mixto de carga e pasaxe con destino a Buenos Aires. Había que se meter nel, coma as ratas, trepando polos cabos. Só un rapaz novo sería capaz de facelo. E fíxoo, en noite pecha, morriñenta, de carabineiros recollidos.
A sorpresa do polisón foi abraiante. Na mourenza do ventre do buque sentíanse murmurios humanos, movementos fuxidíos. Non estaba só, nin tardou en ser detectado: alguén de fala imposible logo lle arrimou un solidario anaco de sobras de comida, e por sinais lle indicou onde aliviar o ventre. Eran polacos, moitos, e xa levaban semanas a se ocultaren…
“Toda a Terra é dos homes”, dixo Rosalía vendo Galicia baldeirarse. Pero ela sabía que é mellor non emigrar, nin ás agachadas nin á luz do día. A vergoña da UE-fortaleza e dos EEUU-superfortaleza é que non xurda neles unha nova emigración: de capitais e xente, con intención misionaria.
Máis que recibir inmigrantes cos brazos abertos, deberiamos ilos apertar nas súas terras, coas ensinanzas e os recursos que nos sobran e nos fan albo de envexas e cobizas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/10/1999]

Share