Coração independente (A voapluma, 06/10/1999)

A nova soprendeume a xantar, fronte a unha ría de Ferrol feliz e fulxente. Pousei os cubertos e calei; os compañeiros calaron, en respecto por ela e polos meus fados preferidos, que ás veces lles canto:
“Povo que lavas no rio,
que talhas com teu machado
as táboas do meu caixão…”
Descubrina -como todo o portugués fundamental da miña vida- nun ano 72 de dictaduras e ilusións. Iamos á Alfama, ceabamos e escoitabamos voces quebradas dos seus seguidores. Tamén a oín en directo, e comprei os vinilos da época.
Amália sabíase popular, e regalaba á xente, necesitada de esquecer represión e emigración, un canto nacional:
“Povo, povo, eu te pertenço.
Deste-me alturas de incenso
Mas a tua vida não…”
Foi muller linda, agasallada e considerada. Compuxeron para ela e ela inspirou composicións. Admireina, como admiro -con envexa- a música que nunca saberei facer. Acompañoume durante moitos anos, na casa e nos coches do continuo viaxar.
Este día comprei no Porto as gravacións da súa obra en disco óptico, indeleble. Seica foi unha premonición.
Despois da noticia, nas horas de traballo da tarde, ecoaba pola miña cabeza a súa voz apaixonada. De volta para a Coruña, vin a escoitar os versos que fan resume da arte pola que viviu e morreu:
“Coração independente,
coração que não comando,
vives perdido entre a gente
teimosamente sangrando…
Eu não te acompanho mais.
Pára, deixa de bater.
Se não sabes aonde vais,
por que teimas em correr?
Eu não te acompanho mais.”
Foi o corazón o que non a acompañou. Pero fica o seu canto. Gloria haxa.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/10/1999]

Share