Petróleo inestable (A voapluma, 05/10/1999)

Mandaba Carter no mundo, eu traballaba nunha empresa desas que agora chamamos de tecnoloxía da información nunha aldea de New Jersey e tiña un “Chevy” que me parecía un avión: aquela máquina con cambio automático bebía gasolina desaforadamente.
E, de súpeto, no inverno cru, nevado, chegou a crise: subía o prezo do petróleo, imparable. Os ianquis, dados ao catastrófico, anunciaban o desastre global que se aveciñaba; e xa se dispuñan a loitar polas formas alternativas de enerxizar vivendas, fábricas e vehículos…
En xuño pasado viaxei a Comodoro Rivadavia, capital do petróleo na Patagonia, e souben que as provincias petroleiras do sur arxentino andan mal de fondos, por falta das “regalías” que producen os pozos. O prezo do líquido que hai que extraer de miles de metros baixo o chan -dixéronme- non pagaba o custo de facelo.
Aquí, enxeñeiros de minas e xeólogos asegúranme que na Terra hai petróleo ata a fin da nosa civilización queimadora de hidrocarburos; e lembro como un vello galego, patrón de mar en Río Gallegos, me aseguraba que da costa de Santa Cruz ás Malvinas todo é un campo de petróleo que el axudara a explorar (velaí a patriótica defensa das illas que fixeron os ingleses)…
Como “tecnólogo da información” -do inmaterial-, non entendo o asunto. Só sei que vexo o gasóleo (combustible para o meu coche) na fronteira dos vinte pesos (99,90) e ao señor Rato preocupado porque a desenerxizada España deixe de ir ben antes dunhas eleccións.
¿Podería alguén falar claro e para todos?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/10/1999]

Share

One Comment

Comments are closed.