Cans de Búzios (A voapluma, 04/10/1999)

Pasan os días e sobre eles precipítase a saudade do vivido. Revexo fotos de viaxe recente a Armação dos Búzios, nas costas do Rio de Janeiro: un can leonado, metido na auga calma da Praia dos Ossos. Unha ringleira de aves mariñas, militarmente formadas e uniformadas de negro ás que olla un can branco, brilloso da molladura na Praia da Azedinha. A miña muller nunha “cadeira de balanço” a acariñar outro can branquizo e mollado na praia de João Fernandes…
Búzios foi poboación de cazadores de baleas, despois de pescadores e agora é de pescadores e turistas, que invaden a vila e os “morros” da contorna á procura de sol, mar, peixe, cervexa, caipiriña, navegación, exploración submarina, música, conversa e moita tranquilidade en lugar onde bares e restaurantes non teñen porta nin teito firme.
Por toda a península de Búzios vagan cans lustrosos, ben mantidos, limpos, que non se pelexan; que se arriman á xente e aos establecementos, co descaro de se deitaren no medio das beirarrúas.
Estes cans adoptan donos, aos que seguen e dos que reciben agarimo e comida; e aos que divirten con exhibicións das súas capacidades natatorias: por veces procurando anacos de madeira que lles tiran á auga; outras, perseguindo aves mergulladoras. E, cando lles peta, van matar a calor —e as pulgas— en prolongados baños.
Seica foi Cervantes o autor dun dito certo: “andar camiños e coñecer xentes fai os homes discretos”, ou sexa: sabios. Vendo os cans comunais de Búzios, coido que cómpre engadir “animais” á frase.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/10/1999]

Share