Paco e o Himno (A voapluma, 02/10/1999)

Atopámonos no rectorado da Universidade, el na mesa da presidencia, eu nunha ringleira das sinaladas para “profesores”. Vímonos, como tantas veces nos temos visto. Non sei o que pensaría ao me ver, pero eu podo contar o que me suxeriu a súa imaxe: unha caricatura de paxaro, corpo gordencho e fuciño afiado, abicado, malia os beizos carnosos. Coido que o Siro nolo retrata ben.
Estivo dignamente esperto na poltrona, e sorriu cando o discurso de Meilán tomaba tons poéticos, de tormentas e peiraos. Non tiña que falar -como tampouco tiña que facelo Méndez, compañeiro sobre a tarimba- e non o fixo, pero deu en cantar cando menos o esperabamos: o coro universitario atacou o Himno Galego e el imitou a toada.
Sorprendeunos. O colega á miña beira non puido evitar a brinca: “O nacho canta baixiño para que non nos decatemos de que está a traducir a letra”. Aguantei a gargallada en momento solemne pero non puiden refugar a lembranza:
Xantaba eu co Cuña Novás, que gloria haxa, no restaurante das Cortes; e apareceu o Paco dando saúdos para toda a parroquia. O Galeote non o resistiu: “Paco, hoé, por lo menoh te podíah haber dehao el acento en tu pueblo”…
Camaleón, demagogo de xeonllos diante da Virxe local, republicano a incensar a monarquía, sobre a súa cabeza ha de caer un remorso de senectude: o de ter contragaleguizado o pobo-rabaño ao que con tanta obra pública mantivo no fascinio; o de ter feito illa dunha península cordial.
Non permita Prisciliano que xamais mande na Compostela do seu sepulcro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/10/1999]

Share