Interrede (A voapluma, 01/10/1999)

Chámolle “interrede” porque me amola profundamente o de “internet”; e preocúpame a falta de consciencia ao respecto.
España é unha supranación imbécil. Xeradora dunha civilización que se expresa en lingua franca con base social abundante —o castelán—, réndese doadamente aos inventos lingüísticos doutra civilización europea, a anglosaxona. Portugal é unha nación civilizadora que igualmente se rende aos inventos ianquis. Os grandes países iberoamericanos, con capacidade de produciren cultura superior —Brasil, México e Arxentina— están entregados á mesma idiocia lingüística.
Ben que todo se discorra en inglés e nos Estados Unidos; pero alomenos deberiamos ter a dignidade de traducirmos as cousas inventadas alá de xeito que intuitivamente as entendésemos. ¿Por que net e non red ou rede?
Pero hai algo máis: Unamuno, alén de ser de só Letras (grandísima eiva persoal nunha sociedade tecnolóxica) andaba mal informado ou era parvo. Porque non vale que inventen eles xa que nós logo, sen esforzo, haberemos gozar dos seus inventos (el falaba da luz eléctrica). Cómpre ter en conta as regalías que cobran os inventores.
Por certo, que a “rede de redes” naceu para que se lle engadisen infinitos inventos. Casualmente, coñezo un rapaz de Madrid que inventou algo tan importante para o negocio da comunicación sobre “datagramas” que mesmo lle comprou a empresa o Bill Gates. Por dez mil millóns de pesetas.
Fixo a invención nos Estados Unidos. Pero —gracias á interrede— ben a podía ter feito aquí.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/10/1999]

Share