Sen fillos (A voapluma, 01/10/1999)

Andei no Brasil, onde atopei moitos arxentinos; concretamente, moitos arxentinos “bienudos”, o cal se coñece rapidamente non só polas aparencias senón polos nomes, que veñen sendo os tradicionais “de la colonia”, ou sexa: ben españois.
Por diante de min, durante días, pasaron centos de familias da pequena burguesía; e observei que, en inmensa maioría, estaban programadas para o tamaño aconsellado polos psicólogos: tres fillos.
Mentres as vía tomar o sol e o baño ao meu arredor, tiven tempo de falar cos amigos brasileiros sobre o “despelote austral”: o desconcerto económico do Mercosur agonizante. Hoxe, o real devaluouse ata case a metade dun dólar, e fálase de que, logo do “turco” Ménem, o “gallego” De la Rúa vai ter que facer tres cuartos do mesmo co peso, o que sumirá en graves angustias hipotecados en dólares como as familias á vista…
O caso é que me preguntaba alá, e aquí me pregunto vendo como se baldeiran de cativos as aulas dos colexios, en que diaño consiste a covardía procreativa dos españois de todas as castes —acutísima no caso dos galegos—. Arguméntase que xente casa xa vella e non ten fillos pola inseguranza do porvir económico, pola dúbida de ter para criar rapaces con folgura.
Se os arxentinos mirasen así as cousas, coido que as clínicas para a vasectomía da súa república non darían feito. Pero, quizais, malia o que os crioulos saben de ciclos de inflación, depresión e dictadura terceiromendista, teñen unha fe de pobo que aquí morreu con aires de transición, liberdade e bonanza europea.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/10/1999]

Share