Ferrol me fecit (A voapluma, 30/09/1999)

“Ferrol me fecit”. A frase é de don Gonzalo. E don Gonzalo, fiel á patria primeira, xa parafraseaba a outro grande escritor, nado coa sorte de ter por lingua natural e única o inglés: “England me fecit”…
Fernando Pardo Bustillo, curmán de Juan Pardo o cantante, naceu en Xixón e criouse e Madrid. Fernando, músico antes que enxeñeiro, sempre me di que un é de onde fixo o bacharelato.
Daquela, máis haberemos de ser de onde aprendemos as primeiras letras. E as miñas son do “insti” —o único que había, cunha “prepa” onde nos misturabamos fillos de obreiros e de profesionais da veciñanza, e de labregos do suburbio simbiótico, semiobreiro tamén. Alí, as cartillas e o inesquecible Cien figuras españolas foron os que nos introduciron no idioma que habiamos de aprender en canto non importaba esquecer outro (case cito a don Ricardo Carballo).
Deixádeme, por tanto, ser todo o de Ferrol que me fixestes ser; ferrolanamente diferente; coa diferencia de vermos —os ferroláns— o mundo enteiro pola boca da ría que se abre ao Seo Ártabro, desde o que as Américas se intúen necesarias. Coa necesidade de mar e vento que une os aborixes da bisbarra con todas as tribos do aluvión militar e constructivo. Coa sensación que enche a víscera dunha constante mestura de cheiros, sabores e luces de terras lonxíncuas que marcaron o voso ser peculiar.
Deixádeme ver as cousas como moitos de vós as vedes. Permitídeme que volas vaia contando como me gustaría que todos as visemos. E, cando non esteades de acordo, chamádeme a atención.
Gracias.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/09/1999]

Share