Cunqueiro fóra

Xesús Fraga documentou en La Voz parte da vida de Álvaro Cunqueiro por culpa da que, se cadra, o seu nome vai desaparecer do rueiro de Madrid. Pola mesma razón, Ernesto Guerra da Cal evitaba falar de Cunqueiro mais, con toda a súa xenial mala baba, admitía que «foi um grande cozinheiro: inventou um prato e viveu toda a vida dele». Álvaro fora falanxista, Ernesto reprocháballo. Porén recoñecíalle ter inventado o realismo máxico.

Nos tempos máis pesados da Longa Noite de Pedra, en Ferrol, calquera tarde unhas damas tomaban o té e falaban do que lle ficaría gravado para sempre a un neno que as escoitaba. Segundo elas, «Gonzalo era un ridículo» porque vestía de falanxista para ir ao instituto, cando os uniformes eran dereito exclusivo de militares. Referíanse ao autor de La saga/fuga de J. B., capaz de burlar a censura franquista anos máis tarde.

Mario Vargas Llosa presentou La fiesta del chivo en Compostela. Nesa ocasión, un marxista do público conseguiu coa súa impertinencia antiliberal que o Mario lle dixese: «Tenga usted en cuenta que detrás de una gran novela siempre puede haber un gran miserable»… Supoñamos que o concello antifascista de Madrid teña como ruín a don Álvaro. Daquela, que substitúan o seu nome polo de Merlín y familia: máis có autor, o que importa é a obra. ¿Ou non?

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 14/07/2015. Tamén na web da Editorial Galaxia, 15/07/2015.]

Share