Buses urbanos limpos

Os tranvías foron primeiramente de tracción animal para evitar que o fume das máquinas de vapor enchese as rúas e afogase a xente. Despois viñeron os eléctricos coa súa limpeza. Máis tarde os trolebuses, tan limpos coma os tranvías. O progreso acabou coa limpeza: os restos de gasóleo queimado dos buses ensucian as cidades e os pulmóns dos cidadáns. Hoxe nas urbes da Europa avanzada e dos EE.UU. e circulan buses de propulsión eléctrica, pura ou híbrida, con baterías que se cargan da rede ou con grupos electróxenos a bordo, de gas natural ou de biocombustible.

En Galicia unha empresa de rara fasquía apostou polo eléctrico puro ata a súa quebra económica; e un grande carroceiro tenta a solución do híbrido con tecnoloxía alemá. O programa Horizonte 2020 da UE ofrece subvencións para experimentos con liñas de buses limpos nas cidades, contando con fabricantes europeos de vehículos dese tipo probados e homologados. As corporacións municipais galegas teñen todo dereito á subvención do H2020 en proxectos «escalables e replicables». Pena que a ocasión dun bus galego totalmente eléctrico se perdese, mais non ten por que se perder a de facer ecoloxía urbana en Galicia (e existe o consolo de que, se a produción de buses fracasou, polo menos poida ir adiante a de vehículos eléctricos menores).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 23/06/2015]

Share