Entrevista en Sermos Galiza: “Os contidos da TVG tenden ao pailanismo e á colonización cultural”

Fragmento da entrevista de Belén Puñal en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza: Fuches director técnico da CRTVG entre 1986 e 1988. Con que televisión pública soñabades naqueles momentos?
– Xavier Alcalá: Queriamos facer que todos os galegos soubesen como vivían todos os galegos, que fose un sistema de radio e televisión cunha cobertura global do país. Queriamos tamén pór Galiza no mundo a través dos sistemas de comunicación global vía satélite. Iso levounos a un problema de base, o monopolio das comunicacións vía satélite, que fomos vencendo como puidemos, sempre coa oposición teimuda da Radio Televisión Española. Un teimudo opositor á Televisión de Galicia, por certo, foi un galego de apelido Calviño. Se por el fose Televisión de Galicia non se tería desenvolvido no fundamental, que era conseguir unha cobertura máxima do país.
– Sermos Galiza: Mais ti non es só enxeñeiro, senón tamén escritor e unha persoa preocupada pola cultura. Alén a técnica, e centrándote no cultural, que expectativas che xeraba naquel momento o nacemento da CRTVG?
– Xavier Alcalá: Interesado pola cultura e polo idioma, pensei que se podería facer moito. Levoume a enfrontamentos internos porque vía o descaro e a desvergoña dos que se comportaban como madrileños a micro pechado e só usaban o galego a micro aberto. Pasados os anos ocorreu o que tristemente vía vir. Na cultura da compañía da CRTVG, non se conseguiu implantar a idea de que o idioma básico para todo ten que ser o galego. Discutín moitas veces con Gayoso, que é un dos homes que máis fixo por estragar o galego pola súa constante presenza na TVG.
– Sermos Galiza: Hai moita distancia entre a CRTVG que soñabades entón e a que temos agora?
– Xavier Alcalá: Dende o punto de vista técnico, a compañía da CRTVG está posta ao día. O que pasa é que hai dous fallos de fondo que non se conseguiron modificar: os contidos e o idioma. De maneira xeral, os contidos non fan promoción plena de todo o que é positivo e progresista en Galiza. Tenden ao pailanismo e a colonización cultural.”

A entrevista completa aparece no suplemento A Fondo, que apareceu nos quiosques canda o número 150 do semanario Sermos Galiza. Pódese conseguir en papel ou aquí.

11406581_1007032012643447_8160327495258595211_n

Share

One Comment

  1. Pingback: Xavier Alcalá: "Os contidos da TVG tenden ao pailanismo é a colonización cultural" - Coruña Daily News

Comments are closed.