España sen modelo

Praza de Santa Catarina, Bruxelas. Arredor do estanque a xente liba cervexa na longa tarde de primavera. Catro españois, doutores en Ciencias, falan de España. Homes maduros, pensan nos fillos ao enfrontaren o asunto principal. Consideran mal menor a falta de honradez dun pobo que se dedicaría á bandidaxe se non fose pola Garda Civil, ou as distorsións herdadas dunha ditadura con fondas raíces; mesmo a indefinición dun sistema político que non dá acollido a todos… O grande problema de España -acaban concluíndo quizais con axuda de abadías de alta gradación- é o seu modelo produtivo.

De feito, logo de axustes, con axuda da caída do prezo do petróleo e do valor do euro, semellaría que España volvese respirar. O presidente do Goberno exhibe cifras de recuperación irrefutables; mais oculta a do coñecemento cesante, por prexubilacións e por emigración de xente nova.

Se ollarmos con coidado as variables do respiro económico, veriamos o de sempre: cemento e turistas. Mais España, xulgada desde a Place Sainte Catherine-Sint-Katelijneplein, só se salvaría implantando un modelo socio-económico no que primase a investigación para aplicar descubertas a produtos de complexa fabricación (o cal parece difícil de concibir para un rexistrador da propiedade, con oficio conservador por natureza).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 18/06/2015]

Share