Data de caducidade (Place du Luxembourg, 26/01/2012)

Bruxelas (sendo “uma m… de cidade” como di unha amiga brasileira metida entre galegos) deixa saudades no momento da despedida. Urbe insípida, descoñecidos os seus naturais, estranxeiros os seus habitantes, aprendemos a soportala, e a querernos entre os que formamos grupo.
– Aquí todos vimos con data de caducidade –di unha galega que manda moito na cultura bruxelense desde o Instituto Cervantes, pazo orgulloso na Avenida Tervuren.
Todos, si. E agora un amigo reenche formularios para o seu destino en Luanda. Vai á embaixada da Unión Europea, cun cometido interesantísimo: o desenvolvemento agrícola dun país inmensamente rico e estragado por vinte anos de guerra.
– A marabilla de Angola é o seu altiplano –conta na caloriña boa dun pub irlandés da Place du Luxembourg–. Son millóns de hectáreas onde cultivar de todo, coa seguranza dun clima tropical de altura. O problema é levantar as minas e facer á xente volver ás leiras…
Na noite temperá, alén da fiestra o frío ataca as orellas por onde pasan buses, taxis e xente. A rexouba galega torce para “the four f’s: food, fuel, feed and fibre”. Esas catro efes poderíanse conseguir non só no país do futuro onde se fala galego estremeño (en Angola manda o portugués de Lisboa como lingua de cohesión) senón no país agonizante onde naceu o idioma. Galicia –di o que nos abandona polo futuro– pode producir comida para persoas, e bioalcol, biogasóleo, hidróxeno, pensos para animais e fibras de todo tipo. O que fai falta é recoller cerebros, a Diáspora Intelectual tense que organizar e “despailanizar a política”…
Na mañá seguinte, comezo de fin de semana, a rexouba trasládase á Place Jourdan, a un almorzo serodio con ostras e champaña. Parecería que todo o mundo fumase: de tal maneira se conxelan os bafos.
¡Que ridícula é España! A acromegalia madrileña fai ver o país como un polbo ao que lle medrou un tumor no tentáculo tendido ao Nordeste. Os de Madrid están choscos: vírenlles suxerir aos cataláns que desmonten a súa representación a pé do Rond Point de Schuman… Non é só que Cataluña se considere un país maior ca outros soberanos; é que Madrid non defende os intereses cataláns na capital da UE.
Europe of the Regions –recórdanos un camarada da Dirección Xeral de Política Rexional entre grolos de escumoso–. España é unha entelequia, resultante do asoballamento; e, como reacción, os goberniños autónomos montan representacións ¡ata no propio Madrid! Os colegas da D. G. Regio alucinan: que Galicia manteña un pazo en Madrid parécelles unha tolería; pero si entenden que teña unha representación en Bruxelas porque a Comisión quere exercer as súas políticas nunha Europa estruturada en rexións.
– Se España fose un país de consensos… –soña unha funcionaria do Parlamento Europeo–. Se en España todos estivésemos a gusto, a nosa REPER tería dezasete escritorios preparados, e daría servizos a todos. E faríanse por xunto as demandas e as propostas, ao Parlamento e á Comisión.
Silencio. Ante tales argumentos, máis dun dos rexoubeiros debe pensar que a Representación Permanente de España ante a Unión Europea, no Boulevard du Régent, e a Fundación Galicia Europa, na Rue de la Loi, están preto de máis para non seren parte do mesmo sistema.
Ata que ese silencio se quebra con frases lapidarias, encadeadas:
– Nova constitución e república federal. A monarquía franquista tamén ten data de caducidade. Ala, fagamos un manifesto: “En Bruxelas, na Place Jourdan, sucursal da Place du Luxembourg, reunidos un feixe de galegos fartos da pailanada política española, sendo as doce horas do día tal…”

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 26/01/2012]

Share