Horizon 2020 (Place du Luxembourg, 25/12/2011)

O Solsticio de Inverno pesa esmagadoramente sobre todas as culturas de Europa, e tanto máis canto máis ao norte. A cidade dos infinitos transeúntes con trolley e carteira foise baleirando, cada funcionario da Comisión Europea á súa terra, como os das representacións ante a Unión. Quedan, si, veciños cristiáns á espera de san Nicolás e musulmáns que rexeitan todo o que cheire a “costumes de infieis”.
Bruxelas ten moito africano do norte e do sur. Os do sur concéntranse no barrio que se chama Matongué porque seica hai outro dese nome en Kinshasa, a capital do Congo. A embaixada do Congo é moi vistosa, nunha das perpendiculares á Rue de la Loi no quartier européen: a bandeira rechamante, a cor de pel do persoal que se move arredor do edificio, os coches ostentosos con que se desprazan os supostos diplomáticos… Estes días a cousa anda fea. Os do Kabila e os do Tshisekedi andan ás piñas, desde Matongué ao Parc Léopold. Tivo que intervir a policía a cabalo para separalos…
Vai frío xa de verdade na Place du Luxembourg, toda engalanada de diodos luminosos brancos e vermellos na noite temperá. Refúxiase o conciliábulo galego nunha carpa calefactada e a conversa comeza polo absurdo africano: países con inmensos recursos naturais e mínimos recursos intelectuais. O Congo, que foi propiedade dun rei belga, debería ser un paraíso só con extraer e procesar as “terras raras” imprescindibles para o funcionamento dos sistemas electrónicos e electromecánicos.
– Por non falarmos dos diamantes, que son o mito –un funcionario da Comisión Europea expón lista de marabillas do subsolo congolés e deriva axiña cara ao sur, a Angola–: alí sácanse os diamantes con sacho, e os rubís… Angola só se mira polas xemas e polo petróleo, pero a súa riqueza máis firme é a agrícola. O que pasa é que está todo abandonado por culpa da guerra. Hai que sacar millóns de refuxiados de Luanda e levalos para as terras que cultivaban.
África é un desastre global, a penas se salva Sudáfrica dentro do grupo dos países emerxentes. Pero, ¿Europa? Nós tamén somos un desastre, especialmente en Galicia:
– En 1976 Fenosa encargou un estudio para saber se era viable o porto exterior de Langosteira, e o resultado foi negativo, asinado polos mellores profesores na materia… Pois non: veña fundir millóns de euros para non conseguir nada, porque as máquinas dos contedores non funcionan coas fluctuacións que vai haber sempre alí, se é que os temporais non desfán o dique –asegura en enxeñeiro do ramo.
Hai un hiato vendo pasar uns cochiños pintados de branco, negro e verde. Son eléctricos e van cara á “electrolineira” que se montou na praza: ¿iso é o futuro?
Todos os rexoubantes están de acordo en que a Unión Europea non se desfará tan axiña como soñan as toupas de Estados Unidos, os británicos. Falando de tecnoloxía, a Comisión vén de aprobar o Horizon 2020, programa de incentivos que anima ao xogo de descubrir e inventar con 80.000 millóns de euros en subvencións.
A Unión Europea, malia as súas dificultades e os seus absurdos, é un mundo de benestar notorio, “e teñan coidado os ingleses cos escoceses, que o referendum é claro, e vano gañar os nacionalistas”. Ninguén quere renunciar ao soño europeo, aínda que haxa que renunciar á soberanía total dos estados.
¿Cal é o horizonte para os Estados Unidos de Europa? ¿Cales van ser eses estados?
– Cataluña e Escocia estarán entre eles –sentencia un xurista da Comisión antes de dar apertas de despedida aos compañeiros, que xa non se verán ata o comezo dun ano temido: 2012.

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 25/12/2011]

Share