El Altar y la Corona (Place du Luxembourg, 22/11/2011)

En Bruxelas xa cae a noite cedo. No máis alto do edificio do Parlamento Europeo a penas fica un reflexo de luz difractada. Moi lonxe, no Impaís que non sabe como chamarse –Galicia ou Galiza– aínda ha de vivirse o solpor. Din que alá vai mal tempo, que só parou o azoute da chuvia para que saísen a votar os vellos. Aquí o tempo foi frío e limpo, bo para chorar derrotas.
Preto da Place du Luxembourg, na Rue du Commerce, está a sede do Partido Popular Europeo. Os populares falan de landslide, corremento de terra, en España. Todo o voto foi para os de sempre, os que xa foran da UCD. O Mariano levou as ovellas ao curro.
– ¡Meeeeee…! –un dos compañeiros de cervexa mostra as veas do pescozo inchadas. Non pode coa carraxe–: Parvos, parvos, parvos… Como se o Marianito fose ter algo que ofrecer cando non estudou máis que Dereito e fixo oposicións a non dar pancada. Porque, ¿que fai un rexistrador?
Ese argumento xa se oíra, e engádense outros máis perigosos porque na mesa hai homosexuais.
– Os cregos han estar felices –advirte un deles–. El Altar y la Corona xa teñen paxes e vasalos dabondo. Agora a desmontar liberdades conseguidas.
– Non é así –córtao unha moza–. O tipo será un ignorante, incapaz sequera de falar galego, pero é un bon vivant. Por iso só preparou unhas oposicións de memorizar. Iso é indicio de intelixencia… Ademais, as dereitudas tamén abortan e moitos do partido son coma vós, ¿ou queres que fagamos lista só dos de Galicia?
Rudi, que é alemán pero estivo destinado en Angola e fala un portugués choqueiro, di que o problema de España non é que teña presidentes provincianos senón que ten unha porcentaxe moi baixa de xente seria.
– Vocês não mofem de italianos –advirte–. Vocês também não pagam impostos.
El e o seu colega de Rianxo traballan nunha oficina da Comisión dedicada a vixiar votacións polo mundo adiante. Van aos países máis exóticos e menos democráticos. Pero hoxe fálase de España. Non chegou o voto rogado e os expatriados na capital da Unión –virtual– Europea andan furiosos.
– Aínda que de pouco habería valer o noso voto –teoriza o rianxeiro vixiante de votacións–. En Galicia baixou o censo non tanto porque morresen os vellos, que lles votan aos de sempre, senón porque marcharon os novos, que poderían conter a marea azulona. Eu mirei o que amosaba a TVG e non se vía un rapaz votando.
Como cando foran as eleccións municipais, seica nas cervexerías da praza non se atopa un español contento, e todos son novos. “España sen mozos quedas que te poidan traballar” sería o arremedo dos versos da Rosalía. In cervesia veritas un dos convivas propón pechar as universidades, que non se forme ninguén máis, que os rapaces fiquen “a traballar de FP” en España para que de novo haxa voto de esquerdas.
Nun desánimo xeral, a conversa fracciónase. Óese que os Estados Unidos teñen unha débeda insuperable, e que o vello Bismark quixo acabar con eles antes de que os ianquis metesen os fociños en Europa. Fálase de falta de comida no mundo, de que Bangladesh só produce xente mentres se afunde no mar; de que Galicia sofre de “complexo de Dióxenes rural”; da crise da industria nuclear en Francia, da transición político-socio-económica en Cuba, da irracionalidade da monarquía e das relixións. En Alemaña van para un século sen monarca e que non fica un cura para misar, di o Rudi.
Alguén bocexa, olla o reloxo e menciona a bici. Fin de xornada postelectoral. Cando se xuntan os euros da addition, un galego di que ten saudades dos pesos coa cara de Franco:
– Daquela criamos en Deus, no Invicto Caudillo e no Banco de España…

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 22/11/2011]

Share