Longa noite de PPedra (Place du Luxembourg, 25/09/2011)

Gris, verde e ocre. Velaquí un novo outono flamengo: ceo toldado e follas sobre os anacos de céspede que enchen calquera recanto de Bruxelas. Vai fresco. Á porta do edificio Charlemagne dous galegos botan un cigarro. Unha moza achégaselles ofrecendo cursos de pronunciación de inglés. As linguas son pura fonética. O inglés, monosilábico e cheo de vocais, é inintelixible cando se pronuncia mal. Confunde, fai perder información do discurso.
¡Viva o galego, romance clariño, cheo de matices polisilábicos! Aos galegos que fuman e meditan sobre o valor da súa fala (que se espalla ata o Brasil e as Áfricas) xúntaselles un colega italiano. Viste con elegancia xuvenil propia do grande país de imaxinadores e artesáns que comeza nos Alpes e olla de preto a Tunisia. Cortés, vén felicitar os galegos polos resultados das subvencións do Consello Europeo da Investigación. A universidade de Santiago obtivo tres starting grants, bolsas para científicos novos que propoñen unha idea rompedora. Os galegos renegan da triste condición española: “Que inventen otros”. Protestan da falta de visión dos ricos. Non hai millonario que dedique un pataco á investigación. O Amancio Ortega non é capaz de pagar en Galicia un instituto mundial de investigación sobre tecidos e roupa.
Os tres baixan pola Rue de la Loi con intención de viraren por Triers cara á Place du Luxembourg. Un galego conta como coñeceu o Berlusconi nos tempos iniciais da Fininvest e di que –mal de moitos, consolo de parvos– tampouco o magnate italiano da televisión paga un grande centro mundial de investigación sobre os multimedia en Milán. O italiano responde cun mea culpa patriota. Para moitos coma el, mencionar Il Cavaliere é tocar a esencia da corrupción. Italia está podre, fede.
– Xa só nos pode sorprender vermos na RAI como o Silvio sodomiza un cativo na presenza da curia romana –asegura.
Os galegos recoñecen que o de España non é tan bravo, salvo a fraude ao estado. Un deles cita o Henrique Sáez Ponte:
– Un grande economista, ex director xeral dun banco, insiste en que deberiamos pagar polo uso de billetes; di que hoxe existen medios técnicos dabondo como para obrigar a que se fagan todas as transaccións sen cartos físicos…
Na praza de Luxemburgo o mozo italiano vai para un grupo de cervexantes con abriguiños curtos e lapelas levantadas. Os galegos entran nun local de nome inglés, The Beer Factory. O reloxo da que fora estación de Luxemburgo (hoxe entrada ao Parlamento Europeo) permite contrastar co chumbo do ceo a brevidade do día outonal. A rexouba vai ser “de trámite”, con dous puntos na orde do día: estado da Unión Europea e o 20N en España.
Tres funcionarios experimentados da CE aseguran que os grandes (por moito que digan en contra) van permitir a quebra de Grecia porque cómpre gardar diñeiro para os rescates de Italia e España, a seguinte na lista.
– Canto ao 20N, primeiro o 19N –di, críptico, un biólogo. Observa as caras arredor e pregunta–: ¿Que día afundiu o Prestige? Un 19 de novembro –seguen os convivas sen comprender a mensaxe–. E despois vimos como actuaba El Señor de los Hilillos… A xente ten mala memoria e o tipo vai quitar maioría absoluta. Con ela, coa FAES e co rescate do BCE, habemos pasar unha Longa Noite de PPedra.
– ¿Como?
– Unha Longa Noite de PPedra: oístes ben.
Oíran. Calan, beben e pensan: agudo o señor biólogo, limpador de chapapote no seu día. Pena que o Celso Emilio non poida escoitar a nova versión do seu título… Pena de España, libre para afundir, votando, nos temporais de novembro.

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 25/09/2011]

Share