De novo, a rentrée (Place du Luxembourg, 25/08/2011)

A rentrée sempre ten dúas facianas. A fea é volver ás rúas insulsas de Bruxelas, cidade sen mar nin río (salvo la Senne, que se pronuncia como la Seine de París pero non é un fluxo aberto e romántico senón entubado, cheirento, unha vergoña a ocultar). A cara linda é rever amigos, e tantos rapaces a falar trinta idiomas arredor das cervexerías da “Place Lux” como eles din.
Nas vacacións o tempo en Galicia foi estraño: mal choveu e, sen embargo, non se gozou do sol. Con todo, vense peles torradas, principalmente dos areais das Rías Baixas. ¿E os demais? Portugueses, italianos e os gregos chegaron moi morenos; os do Norte, aínda corados. Vense alemás ben mantidas que semellan salchichas.
– Europa é o continente do top-less –comenta un ferrolán que vén do Brasil–. Por Iberoamérica mandan as nádegas, redondeces con tanga, pero a dianteira tapada. En Europa impera la poitrine.
– Pois as mouras seguen a bañarse vestidas –engade un lugués que foi á Tunisia, onde seica funciona o turismo como se non tivese habido revolución.
A conversa cae sobre Libia e os arranxos europeos para seguir tirando daquel deserto gas e petróleo; e o petróleo fai devalar o mar das palabras ata o Prestige e a última novela de Sánchez Dalama, La mancha negra. De aí, ás eleccións do 20N “para conmemorar a morte de Su Excremencia (sic) el Caudillo”.
– E poden volver os de sempre, compañeiros –di en ton de lamento un ourensán auditor da CE–. Parece imposible que os españois teñan tan pésima memoria, que lle vaian votar a “El señor de los Hilillos”. Que goberne El Principau o Cascos, aínda ben, porque Asturias non é máis que unha reserva de mineiros prexubilados; pero que goberne España o Marianito…
Os funcionarios españois da Comisión Europea senten máis vergoña do seu país que os gregos. Porque na condición de grego vai o cinismo, seica. Pero o dos españois é a trapallería disfrazada de dignidade.
– Somos os campións da fraude fiscal na Unión Europea, os reis do diñeiro negro, os maiores amasadores de binladens –acusa un mozo ao que lle acaban de asignar posto de traballo na Comisión, logo de anos de contratado temporal “coa oposición aprobada”. Os binladens son os billetes de 500 euros. Chamábanse así porque todo o mundo falaba deles pero nunca os vira. Agora xa non ten xeito o nome, desde que os ianquis arranxaron contas co Gran Satán do Terror Mundial.
Grolos de cervexa, saúdos, anuncio dun falecemento (“Era alemán, pero non era mal tipo”). As mesas ocúpanse e desocúpanse. No centro da praza, baixo a estatua, xorde unha pancartiña sobre a Somalia. Cada cervexa, catro euros. ¿Cantos somalís vivirían un día máis co recadado esta tarde nas caixas de bares e as brasseries da Praza de Luxemburgo de Bruxelas? Un xurista-lingüista coruñés asegura que non hai forma de acabar coa fame no mundo mentres o corenta por cento da comida que se procesa na UE siga acabando no lixo.
Con caras serias, esmorece a rexouba. Alguén tenta reanimala falando do comezo do curso, dos bacharelatos, de por que os españois son tan burros para os idiomas que non sexan “o madrileñata que invade toda España vía radio e televisión”. Unha nube coma un prato gris oculta o sol flamengo, frouxo de natural. Un vigués de cabelos agrisallados érguese, deixa uns cartos na mesa e destraba a bici. Vai para a casa; non sen deixar sentenza:
– Hoxe non se falou aquí do Ave a Madrid-Galicia pero xa falaron os cataláns.
Ninguén llo replica. Vai frío en Bruxelas. Ao pouco levántase a mesa dos galegos. Os dous últimos en marchar comentan que o 20N vai ser “un día desapracible, en todos os aspectos”.

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 25/08/2011]

Share