París ben vale unha ópera (Place du Luxembourg, 25/07/2011)

Excursión de fin de semana a París. Alá van galegos de Bruxelas no TGV Thalys: hora e cuarto da capital da Unión Europea á capital da República Francesa. Vendo pasar nun suspiro paisaxes chairegas, os viaxeiros volven ao mantra: ¿Para que a tolería do Ave Galicia-Madrid tendo que cruzar tres cadeas montañosas? ¿Por que non gastar moito menos en dobres vías férreas de velocidade xustificable e nun aeroporto con liñas a Europa e América?
A desculpa do salto a París é ver o Plácido Domingo en Il Postino, ópera moderna que o tenor defende a toda voz por ser cantada en castelán. Satisfeita a curiosidade, a excursión segue por museos creados polos presidentes da República (seica deixan cadansúa obra para a posteridade. ¿Que deixará o Sarkozy? ¿Que andará a bulir na cabeciña da Bruni? ¿Quererá emular a Cleopatra?)
París ben vale unha ópera, e unhas exposicións de culturas centroamericanas e polinesias. A volta a Bruxelas é tan rápida coma a ida, co TGV cheo. Bruxelas é a cidade campiona de cagadas de can nas beirarrúas, e de coches cun vidro roto polos ladróns de cousa miúda…
Bélxica: chegando o 21 de xullo, día da suposta festa nacional, o país segue sen goberno. Mais funciona grazas á súa administración profesional. Imaxinemos –repiten os galegos outro mantra– que España estivese nas mans dun corpo funcionarial formado en haute école; que ata os directores xerais pertencesen a el; que só fosen políticos os ministros e conselleiros das CC.AA.
– España andaría só cos funcionarios de carreira, pero os xustos e necesarios; e se o resto da xente se dedicase a traballar na industria, a inventar –incide un investigador compostelán xa de retorno na Place du Luxembourg.
A crise está a decimar as apostas españolas pola investigación e a innovación. Un funcionario lugués da Comisión Europea, que mira o movemento da praza con ollos tristes (ten que ficar de garda en Bruxelas ata mediado agosto), revela un dato perverso: hai gobernos autonómicos españois sen fondos para sumaren aos da Comisión en proxectos FEDER. Por culpa diso, as empresas van ficar sen un 80% de subvencións para propostas de innovación.
– As putas autonomías (sic) andan a derivar a súa miseria orzamentaria cara ao voto: vellos, emigrantes e inmigrantes –alza a voz unha coruñesa brava, que traballa nunha ONG tecnolóxica–. Pérdense os cartos da Comisión e España non xera riqueza para ser solidaria co terceiro mundo. Recollemos inmigrantes para convertérmolos en mendigos.
¡Carai…! A conversa vira ás vacacións. Os expatriados galegos soñan coa volta ao mundo bretemoso e verde de don Álvaro Cunqueiro. Alguén arredor das cervexas recorda que Galicia se coñece no mundo non por Cunqueiro senón por Guerra da Cal, o ferrolán xenial de Nova York. Cunqueiro e Guerra farían cen anos neste 2011, “pero as vacas sagradas temen o Guerra e vano silenciar”.
21 de xullo. O rei dos belgas (¿ata cando vai durar en Europa o anacronismo monárquico?) di cousas de homiño bo, mais os flamencos queren a secesión, como os cataláns (claro que en Flandres os autóctonos son maioría esmagadora mentres en Cataluña os de orixe minorízanse por onanismo: as catalás –como as galegas– non pairen).
Fin de período de traballo. Todo o mundo aproveita a ponte (o 21 foi xoves) para fuxir. A capital da Unión, case baleira, sonequea, mais ficaron abertas as convocatorias para proxectos colaborativos europeos. Sonequear non quere dicir durmir. En canto os funcionarios da CE descansan, os grupos de investigación e innovación da Europa fría, protestante, calvinista, preparan propostas de proxecto. Na outra Europa, cálida, católica e ortodoxa, láianse da crise. A brecha –¿relixiosa?– aumenta.

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 25/07/2011]

Share