Turcos e alemáns (Place du Luxembourg, 26/06/2011)

Calor, calor. A Place du Luxembourg chea de rapaces “caucásicos” como dirían os ianquis para evitaren o termo “brancos”. Son todos europeos, de toda a Unión, e falan incluso grego, quizais avergoñadamente. Pero a festa –polo tempo do san Xoán, ou sexa do solsticio de verán– non está nesa praza senón na de Saint Boniface, en Matongé, o barrio dos africanos que tamén falan moitos idiomas aínda que acaben entendéndose en francés.
De camiño a Saint Boniface pásase por hoteis caros. Deles saen matrimonios musulmáns, os homes con sotana e puchiño, as mulleres, uns cantos pasos atrás, cubertas de negro da cabeza aos pés e con gafas de sol para que non se lles vexan os ollos. É un descanso entrar no mundo dos negros non musulmáns porque de novo as mulleres existen plenamente (algunha, exuberantemente), compartindo cos homes as esquinas onde corre a cervexa.
Os galegos que procesionan dunha praza a outra comentan que sempre existiron relixións, ritos e cerimonias. Un vén de estar en Israel e fala dos xudeus ortodoxos que levan nas mans e na cabeza caixiñas con anacos de libro sagrado; e dos que andan de levita e chapeu suando coma pitos. Algún día –aceptan os expatriados do Impaís– todo o mundo entenderá que as relixións non teñen base real, que pertencen ao eido dos soños. Daquela deixarán de ter valor transcendente e todos os habitantes da Terra se comportarán da mesma maneira. Non se matarán máis por culpa das crenzas.
Ao lado dun bar moi animoso de Matongé, o Calebasse, mora o Xavier Queipo, felizmente estes días en Galicia, onde un xurado acaba de lle conceder o premio de novela Xerais. En Saint Boniface a música deixa falar mentres corren as cervexas. Primeiro, como sempre, fálase de Galicia. Un vento do sur, africano, asfixia o Impaís Incapacitado. Arde profusamente.
– Galicia non ten redención –asegura, rotundo, un enxeñeiro agrónomo–. A mudanza climática podería convertela na horta de Europa, pero a terra está tan parcelada que non se poden facer explotacións hortofrutícolas rendibles. No entanto, Almería e Murcia van deixar de producir.
– Galicia non ten solución –intervén un enxeñeiro industrial– porque exportamos cerebros. Damos unha educación superior que custa moito para que despois todos os rapaces sigan ruta a Madrid, Barcelona ou Londres. E non hai nin filántropos nin gobernos que consigan virar a marea.
– É máis correcto en política preocuparse polos inmigrantes que polos emigrantes –remata xogada unha profesora de matemáticas, que sabe moito de formar rapaces, na Coruña e en Bruxelas.
Circula xente entre as mesas das terrazas e máis dun paseante vén saudar os galegos. Dúas mozas gregas falan cun deles sobre un seminario de acuicultura ao que asistiran os tres. Aínda non lles pasou o efecto do que dixo un turco participante: “Levamos mil anos en Europa e habemos seguir. Seremos a nación máis poderosa da Unión”.
A Unión Europea anda manca e coxa porque se fixo dunha maneira precipitada. A adhesión de países pouco fiables debíase ter feito a modo, e integración total –mesmo nun sistema monetario único–, aínda máis de vagar. Chégase a consenso nese aspecto mentres a banda próxima ofrece reggae en inglés, que resoa nas pedras brancas e frías, góticas, da igrexa de Saint Boniface.
– A culpa disto téñena os alemáns –atrévese un dos rexoubantes–. Alemaña nunca existiu de todo, é un país acordeón, pero os alemáns deron lugar aos horrores das guerras mundiais, á despoboación de Europa, que deixou de ter presión demográsfica; e agora quérennos someter aos seus sistemas de produción e préstamo. Son os nosos amos. Son uns noxentos. Pensan como o Hitler: Alemaña e, arredor, uns estados vasalos.
Silencio. Turcos. Alemáns… ¿E nós? España ten moito pecado: pasamos de traballadores para todo, nas Américas e na Europa rica, a señoritos que malcriaron os fillos, que queren vivir do paro, das subvencións. Iso non vale para xogar en campo europeo. Canto a Galicia, sobre as xerras de blanche, blonde e brune paira unha visión desalentadora: Cidade da Cultura, Ave con Madrid, tres aeroportos raquíticos, porto exterior da Coruña inacabable, Caixa Galicia na ruína, o NCG Banco que pode nacer morto… É mellor escoitar as simplicidades que cantan os negros do reggae. O malo é que as súas letras ás veces recordan o que se quixera esquecer. Unha di “I want my sweat back, I want my money back, Mister President”. Ou sexa, que me devolvan a suor e o diñeiro (gasto en obras faraónicas e quiméricas).

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 26/06/2011]

Share