23M, ¡La Coruña! (Place du Luxembourg, 27/05/2011)

23 de maio de 2011 na Place du Luxembourg de Bruxelas. Tarde espléndida. Babel: trinta idiomas arredor das mesas e as cervexas. Escóitanse conversas en castelán dabondo, dos que pasan e dos que sentan próximos. As caras son longas, alguén fuma furiosamente. Diríase que ninguén é votante do Partido Popular porque só se escoitan lamentacións. Os que teñen fala madrileña tamén se laian de que no País Vasco reaflorase a esquerda nacionalista.
A mesa dos galegos vai enchendo. Botan as mans á cabeza. Non comprenden o desastre de Santiago. Ferrol é “unha cidade de perdedores”. O da Coruña tómase como un triunfo da “eterna camarilla, reforzada coa volta do embaixador”.
– O peor vai ser o da La Coruña. O Negreira é o representante xenuíno do autoodio e a ignorancia –libera indignación un coruñés–. Xa veredes como dá a batalla de La Coruña con todo o que iso implica de colonización mental. Un tipo con ese apelido, e que naceu no Brasil…
– A modo, ho –tenta acalmalo outro crítico do lacoruvazquismo–. A razón está connosco e acabaranse convencendo. Mira os rapaces galegos aquí: van aos cursos de portugués porque xogan con vantaxe. Canto mellor galego falan, máis rápido collen diploma doutra lingua oficial da Unión.
– E do Brasil –tercia un ourensán raiano–. Ando nunha convocatoria coordinada do Brasil coa Comisión e todo o mundo bábase comigo polo xeito con que manexo os tipos de Brasilia. Ora, convencermos os bilingüistas antigalegos… ¿Como lle explicas ao Negreira que os casteláns non poñen artigo diante dos nomes de lugar? ¿Que o de La Coruña é un galeguismo? Habería que pagarlle unha excursión a Burgos, a Coruña del Conde.
– O Negreira entende ben a ridiculez en que se mete –retruca o antivazquista–. Pero o home mírache pola clientela. Apóiase nos “féridos e duros, imbéciles e escuros” –cantarola o Himno Galego, ergue a xerra espumante e brinda–: À votre santé.
Tras un silencio curto, retoma conversa un funcionario da Comisión Europea que vén de Budapest, subcapital actual da Unión. Trae fresca a reacción de moitos mandaríns europeos fronte á desfeita do Zapatero. Á beira do Danubio maxestoso amosáranse moi preocupados con España, “que non é Grecia nin Portugal, nin Irlanda”. Os que cortan o bacallao na trastenda de Bruxelas pregúntanse se en España non hai políticos nin cadros profesionais que apoien os políticos. Realmente, quererían que o PSOE continuase e levase España ao rego. O Mariano parécelles “de plastilina” (risos arredor da mesa) e non ven ninguén no PP con coñecemento para endereitar o país.
– Un país cunha carga social insoportable, de dous millóns de inmigrantes inútiles, abocados á indixencia, e outros tres de cidadáns propios que viven de moca.
Tras do resumo sombrío, novo silencio libatorio. Na mesa próxima, a conversa en Eurenglish céntrase sobre a crise grega e a falta de mecanismos para que un país da Eurozona volva á moeda anterior.
– Moitas veces temos falado iso –comenta un galego que viaxa en coche oficial da CE–. Deberiamos ter organizado a moeda común pensando en todas as continxencias. Pero daquela animábanos o salto cuántico que supuña o euro e pensamos que arranxariamos a cohesión das políticas económicas co tempo. Eu son partidario de seguirmos navegando xuntos.
– Pero, olla ti que isto da Unión se desmonta nunha semana.
Not so fast –responde o eurooptimista moi seguro.
Europa segue unida malia os PIGS: Portugal, Irlanda, Grecia e España. A Unión tamén se constrúe neses países; moitos cidadáns deles traballan nas institucións europeas con devezo e brío. Un dos presentes na rexouba conta que estivo nun info day sobre as enerxías alternativas, todo o lobby delas a mallar na nuclear. Foi unha festa magna. Vaise conseguir o obxectivo 2020 (20 % de renovables no ano 20) e chegaremos ao 100% no 2050.
– Eu non o verei, pero algún de vós si –conclúe–. Por iso Europa paga a pena. España non fica atrás en renovables. E Galicia é un paraíso para elas.
A xuntanza vaise disolvendo polos compromisos de cea. Os últimos falan do Solar Impulse, o avión movido por enerxía solar que vai dar a volta ao mundo. Nos seus corazonciños aínda baten ilusións que lles transmitira Jules Verne na adolescencia. Malia “La Coruña”, van seguir a facer Galicia desde alí e desde Bruxelas. Europa fainos bos e xenerosos.

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 27/05/2011]

Share