Darwinismo á inversa (Place du Luxembourg, 18/04/2011)

E, de súpeto, a primavera en Flandres. Peles pálidas exhíbense ao sol no Parque do Xubileo. Xente de todas as idades. Vellos dabondo. Os vellos queren vivir, a mensaxe non para de repetirse: envellecer con saúde, envellecer de maneira activa, envellecer… Europa vai vella. Dúas guerras mundiais deixárona sen poboación. O problema do continente é como manter a calidade de vida con tanto maior, tanto vello, tanto ancián.
Europa exportaba xente moza ao mundo, mesmo esta Bélxica pequeniña atreveuse a colonizar o Congo. Velaí o inmenso museo de África no parque de Tervuren. África toda era unha colonia europea, e non falemos das Américas, ou de Asia, de Oceanía… Italia, que non existía hai 150 anos, meteuse a colonizar tan logo puido. Como non lle quedaba máis que o refugallo das grandes, alá se puxo a matar beduínos na Libia (e pouca sorte tiveron os italianiños: o petróleo descubriuse cando ese deserto pasou ao poder dos ingleses…)
O seminario-obradoiro de propostas de proxectos de I+D+i centrouse sobre como evitar e detectar caídas de maiores de 65 anos para reaccionar en consecuencia. A Comisión Europea está disposta a arriscar unha millonada de euros en subvencións aos inventos que eviten aos países da Unión gastaren centos de millóns ao ano nos coidados posteriores ás caídas dos vellos (¿alguén parou a pensar o que custan as próteses, as operacións, os postoperatorios e os coidados permanentes dos vellos eivados?).
Un colega alemán que traballa na delegación do instituto Fraunhofer no Porto explica o seu proxecto. Pretende darlle a cada vello un dispositivo electrónico (vulgo teléfono móbil) con transceptor de posicionamento global (vulgo GPS) e cinamómetro (mecanismo que determina a posición: o que sirve para dar a volta ao aparello e que a pantalla se revire). O móbil non pode ser iPhone, porque os de Apple non deixan comer aos demais. Ten que levar sistema operativo Android, para que admita programación libre. Así, cárgaselle un programa que sabe da vida do usuario e determina se anda ben, se camiña aos traspés, se cae e se esnafra, se cómpre ilo recoller…
O paseo cara á Place du Luxembourg deriva un pouco, afástase da Rue de La Loi encolumnada entre farolas; pasa por rúas máis amables e polo Park Leopold, a Biblioteca Solvay, o Parlamento monumental, faraónico. Sovay si que soubo transcender: el morreu, pero a súa química segue a dar para inventos. Agora a Fundación Solvay empéñase nos avións movidos con enerxía fotovoltaica.
Cervexas: blanche, blonde, brune. Os rapaces invadiron mesmo o xardinciño do centro da Place. O móbil con Android dun dos compañeiros de traballo revela que na Coruña houbo inauguración do maior centro comercial de España e o segundo de Europa, ¡oh, gloria coruñesa!
Non tardan en chegar os comentarios acedos dos expatriados galegos:
– Co diñeiro que custou ese centro comercial podíase montar, por exemplo, unha fábrica de nanorrobots para cardioloxía.
– Pero iso non se entende alá, ho; como non se entende que os montes se deben repoboar con carballos. Os galegos que fican no Impaís carecen de visión de futuro.
– Home, alguén fai cousas…
– Alguén, pero son poucos, moi poucos. Ás veces penso na especialidade do darwinismo á galega: sempre se foron os mellores, os máis visionarios, os máis ambiciosos, os máis adiantados.
Selección natural á inversa. ¿Será esa a razón do declinio do Impaís? Na praza de Luxemburgo de Bruxelas beben cervexa moitos rapaces galegos. Bos estudantes, políglotas, acabarán empregados en multinacionais, na Comisión Europea… Nunca nun centro comercial nin na Xunta. Formáronse, en Galicia, para máis altos mesteres.

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 18/04/2011]

Share