Electroimbecilidades (Place du Luxembourg, 24/03/2011)

Bruxelas, auditorio preto da Place Schuman. I+D+i para automoción. Empresas, centros tecnolóxicos, universidades, administracións. Un funcionario da CE, alemán de mala raza, baixiño, defende con luterana vehemencia as vantaxes da electromobilidade: dos vehículos con motorización eléctrica. Dá unha idea xenial: cargar a batería do coche pola noite, cando a enerxía eléctrica vai barata e, se queda no garaxe, vender á rede en hora punta do día a electricidade acumulada.
Hai caras de riso entre asistentes que saben de electrotecnia: a dobre conversión (corrente alterna en continua e continua en alterna) implica perdas notorias. Na quenda de preguntas, érguese un bávaro (católico, claro) ben mantido e, alén de dicirlle ao compatriota que non ten nin idea de electricidade, proclama a súa oposición aos coches soamente eléctricos.
Di que a súa empresa, de Múnic (¿fai falta nomeala?), leva investidos moitos millóns de euros no desenvolvemento de sistemas motores de hidróxeno e non está disposta a esquecer o investido. Aínda máis: que os electromóbiles son un xoguete nas mans das compañías eléctricas, que non saben como evacuar enerxía nos vales de consumo…
Rue de la Loi adiante (marea bestial de coches), a pelexa xermánica dá para comentarios dabondo; segue a leria pola Rue de Trèves, que xa deixa ver o Parlamento. Na Place du Luxembourg, que se vai enchendo de rapaces cervexeiros, esperan amigos atristurados polo desastre de Portugal. Seica ter de xefe de goberno un Sócrates implicaba desembocar en –filosófica– traxedia grega.
– Non riades moito da portuguesada, que nos toca no peto a todos –advirte un dos galegos que esperaban xa acomodados en Le London.
– ¿Vistes o Cameron? –entra outro na lide–. Non falou en directo da crise portuguesa, pero si de como se vían as cousas “na Gran Bretaña” e “en Europa”. ¿Por que non botamos da Unión a eses lambecús dos ianquis?
Silencio pensativo.
– Quen nos dera ser portugueses –exclama un da Coruña que traballa en Vigo, no automóbil–. Estarán na ruína pero é súa, e a nós os de Madrid vannos deixar sen capacidade nin para arruinármonos.
– Pois tivemos ben ocasións de sermos portugueses, ho –recorda un de Ferrol cos bigotes manchados de escuma de Leffe–. Tedes que ler O nosso século é fascista!, do Manuel Loff. No ano 41 os alemáns dicíanlles aos portugueses que España tiña que ser dividida de “maneira racional, por razas”. Galicia pasaba a formar parte de Portugal.
Outro silencio, o sol aparece e agáchase logo, que cinco minutos de deixarse ver en Flandres son moitos. No medio da praza, de cara ao Parlamento, uns sardos con traxe de pana e pucha a xeito de media, protestan pola supresión da súa lingua. Teñen carteis e bandeiras brancas, con cruz vermella e perfís de rostro en negro.
– ¿Vistes os anuncios da RAI polos 150 anos da unión de Italia? –rompe o silencio un lucense que traballaba para unha axencia italiana–. Se a TVE fai algo así polos 500 anos de España, daquela si que nos separamos por razas, racionalmente. A RAI fixo unha serie de spots mofándose das falas da Península Itálica. Dicindo que grazas ao toscano hai país.
Libacións. Os sardos berran pestes contra a unidade de Italia. A conversa pasa por Libia e Xapón, recae na enerxía. Alguén quita do fondo da carteira un repousavasos con mensaxe a favor da enerxía atómica: cantas máis centrais haxa para producir electricidade, menos CO2 se botará á atmosfera; canto menos se bote, menos calor irá na Terra; canta menos vaia, menos cervexas frías se han beber, cantas menos cervexas frías se beban, menos se utilizarán as nucleares…
– Electroimbecilidades –conclúe o dono do repousavasos xa histórico–. A ver que fan agora os do Nuclear Forum. E veremos en que remata a aventura do coche eléctrico.
Novo silencio. Tarde de rexouba cavilosa. Algo tsunámico está a pasar, e non só en Portugal, Libia e Xapón (mentres os rapaces que ocuparon a praza fuman e beben cervexa de pé).

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 24/03/2011]

Share