Ollo aos polacos (Place du Luxembourg, 26/02/2011)

En mañá de sábado a Place du Luxembourg está baleira. Baleiro o Parlamento, vidro gris espellando o gris do ceo, os taxistas da praza sonequean. Camiño do metro de Malbeek vense caras afectadas pola resaca en ringleira para o autobús do aeroporto.
Véndoas, repítese un pensamento dos galegos de Bruxelas: do centro da cidade ao grande aeroporto que a conecta con todo o mundo, media hora de bus e 4 euros; por non falarmos de tren, máis caro pero máis rápido. En Bélxica (mídanse poboación e PIB) só hai dous aeroportos, o de Zaventem e o “pequeno” de Charleroi, o dos voos para estudantes (que visitan Europa enteira por uns cantos euros).
En Galicia hai tres aeroportuchos en uso a pé dunha autoestrada. Non hai liñas de tren nin de bus para poder ir doadamente a todos eles. E van ampliar Alvedro, mentres continúan as obras faraónicas do Ave insostible, que agora queren tunelizar baixo Ourense…
Paseando pola Forêt de Soigne convérsase de todo. O primeiro é que Alemaña xa presentou á Comisión Europea as súas esixencias para o Oitavo Programa Cadro de Investigación e Innovación. Na lista de peticións interviñeron os länders ao unísono para que o Estado Alemán poida defender unha postura conxunta no Consello da Unión.
Polos camiños do bosque pasan xinetes en cabalos altos e ciclistas cheos de lama. España é un desastre, un esperpento de protorrepública federal monárquica. Úrxelle unha racionalización do sistema administrativo. A administración central deberíase adaptar á da Comisión Europea: os ministerios habían ser reflexo das comisarías. Baixando un nivel administrativo, as consellerías das comunidades autónomas terían que estar estruturadas copiando os ministerios, e así ata as direccións xerais.
Desa maneira, habería un ministerio de Investigación e Innovación, e, en cada comunidade, unha consellería ocupada no mesmo. Daquela, no momento de consulta pública da CE sobre necesidades e propostas para a Innovation Union (como se chama en Eurenglish), as respostas poderíanse canalizar debidamente.
En fin, España fica moi lonxe da Forêt de Soigne coas súas árbores magníficas e insípidas, os seus paxaros escasos e os excursionistas preparados como se fosen escalar o Aconcagua. España non ten solución –conclúese– e toca rexouba sobre o mundo.
O do norte de África vai ser unha avalancha insoportable para o Continente Envellecido. África enteira vaise envorcar en Europa: é a vinganza histórica. Os europeos de séculos pasados entendían África como un cazadoiro de escravos, unha mina xeral. Velaí o museo de África de Tervueren…
Fin de paseo. Silencio e canseira no metro. De Malbeek á Place du Luxembourg, poucas palabras, cadaquén a remoer o dito na forêt. Cervexas cun sol pálido sobre o Parlamento. Algún rapaz sonolento con bolsas de supermercado. A reuxouba anímase con queixo e mostaza: ¿e Israel? ¿Que pinta Israel nestas guerras de liberación na súa veciñanza?
Seica os xudeus están “tocados”. Andaron nas trapalladas financeiras que deron lugar á crise americana e iso non se lles perdoa. Agora vese o poder dos outros polacos, os católicos, espallados polo mundo. Polonia acollera moito xudeu cando era un grande reino, moi liberal. Despois chegaron as particións, o antisemitismo, os nazis brutais. Os xudeus polacos fixeron as Américas desde hai séculos; e tocaron poder. Pero estragaron o que tiñan. Os católicos tamén se foron, pero aumentaron o poder da súa diáspora. E agora invaden Bruxelas. Olliño con eles: se falan polaco, logo aprenden calquera idioma.
Unha raiola aínda marca outras esperanzas: os galegos son coma os polacos, moitos menos pero coa inmensa vantaxe de seren naturalmente europeos e iberoamericanos. Desde a Place du Luxembourg parece claro. Desde a do Obradoiro, se cadra, non: en Santiago só se soña co Ave a Madrid, non con catro voos ao día de Lavacolla a Zaventem, ou mesmo a Charleroi.

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 26/02/2011]

Share