Dente de prata

Chámase Miguel; a súa lingua é o guaraní, que fala coa muller e os fillos alá nun «campo» limitado por «montes» con macacos, serpes e arañas. El non sae da estancia, pois non ten «vehículo». Anda seguido a cabalo, vendo medrar cuxos, soia e millo. Os fillos teñen motos -chinesas- que os levan ata a vila. Alí todo acontece en portugués. O castelán so aparece nos letreiros do concello. En todos os «boliches» a televisión fala e canta en portugués. Os mestres deben ensinar en guaraní e castelán, segundo as normas do ministerio; mais explican en portugués pois é o que falan os alumnos e os pais dos alumnos, que antes falaban guaraní e «guarañol».

Miguel loce un dente de prata, símbolo de importancia. É o capataz, manda nos peóns, nas vacas e no resto dos bichos. Sorrí arreo, amosa o dente, a súa fala é suave. Para o visitante exprésase nun castelán modulado polas harmonías do guaraní. Desa maneira resume a súa grande preocupación vital: no Paraguai entraron os «brasileros» a comprar terra, cultivala e criar facenda. Veñen con máquinas para todo, mesmo para manexar o vacún. Daquela, ¿que traballo vai ficar para «los pobres sin estudios»?

Ningún. Virán máis técnicos brasileiros. Os fillos da terra acabarán a pedir polas rúas das cidades paraguaias. Estas son as Américas sen comandante.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 20/05/2015]

Share