Obxectivo 2050 (Place du Luxembourg, 25/01/2011)

Bruxelas. Comezou o ano. Malia o frío, énchese de novo a Place du Luxembourg. Para non perderen clientela, as cervexerías montan carpas e nelas meten estufas de gas que parecen farois a quentar as cabezas. Cóntanse aventuras do Nadal, que algúns tiveron que pasar lonxe da casa por culpa da nevarada. Esta praza non é dos bruxelenses, nin dos belgas: é de toda Europa, de rexións, cidades, vilas e aldeas onde habitan xentes distintas mais con algo en común.
–Europa tamén pasou fame –di un galego, filosófico, cervexa en man–. O que sucede en Europa é que, cando se deixa de pasar fame, hai reparto… Agora todo é falarmos da decadencia de Europa e a emerxencia dos BRICS, pero mirade: emerxerán, mandarán, a custo do desprezo. Brasil, Rusia, a India, a China, Sudáfrica… Aos programadores do crecemento deses países, ¿que lles importa a cantidade de xente que infravive neles?
Boa reflexión diante do Parlamento Europeo, cuns carteis nos vidros ao nivel da rúa que preguntan aos cidadáns europeos o que demandan da calidade de vida.
Europa. A calidade. O benestar… A catro pasos da “Place Lux”, como abrevian os rapaces, empeza Matongé, o barrio dos negros e os bohemios moderados. Alí moran o Xavier Queipo e o Adolfo Tomé, parella talentosa con toques de xenialidade. O Xavier, santiagués, é poeta oficial da cidade de Bruxelas. Médico e biólogo mariño, ten experiencias da vida que non dará escrito aínda sendo sistemático, como é. Adolfo, vigués, tenta captar coa cámara as curiosidades do mundo, mesmo a súa cegueira (famosa a súa colección de fotos de fiestras e portas cegadas por toda Europa).
Nun restaurante vietnamita do barrio congolés, Queipo, o autor de O paso do Noroeste, conta un problema da Comisión Europea en materia de cotas de pesca: o prezado camarón gris do Mar do Norte envíase a pelar a Marrocos e de alí volve para as mesas europeas pesando menos (pois fáltalle a casca)…
Bruxelas, a cidade do mundo con máis transeúntes a cargar carteira ou mochila (vai gañando a mochila, vense de coiro fino) mentres tiran por unha maletiña con rodas. Decenas de miles veñen pasar un par de días na capital da Unión. Desembarcan do avión ou do tren e non perden tempo deixando as pertenzas no hotel. Van directamente a xuntanzas de traballo, ou a info days –que duran todo o día– sobre os programas da Comisión Europea e os seus incentivos (para que os europeos non se deixen atropelar polo resto do mundo).
No inicio do 2011, os info days trazan liñas de actuación para os obxectivos “2020” e “2050”. O empeño é a “enerxía intelixente”, os edificios con “consumo case cero” e a independencia enerxética (enténdase do petróleo) do transporte europeo. Escóitanse propostas curiosas. Por exemplo, a das cargo bikes: bicis con batería e motor eléctrico, motorización híbrida con axuda das pernas, para reparto de vultos lixeiros…
Cousas veredes, nunha civilización que se sente vella –cegamente porque máis vella é a chinesa, renacida das súas cinzas, que nos tenta agora dominar.

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 25/01/2011]

Share