Do 2010 ao 2011 (Place du Luxembourg, 29/12/2010)

O ano 2010 foise coma todos, a forza dunha volta máis da Boliña Azul arredor do astro que non vai durar máis que cinco mil millóns de anos… Foise, mais deixounos lembranzas propias de letra de tango: “Si habrá crisis, bronca y hambre…”. En Bruxelas, a Rue de la Loi viuse moitas veces invadida polas caravanas dos grandes xefes, dos primeiros ministros que viñan decidir como se resolve o problema xeral. Un día, na esquina coa Rue do Commerce, o Berlusconi dignouse a mirar os transeúntes por tras do vidro blindado: ten a pelica da cara máis estricada que o Julio Iglesias.
Os funcionarios da Comisión Europea –que tantos son– comezaron a dicir polas cervexerías da Place du Luxembourg que está en dúbida o que os atraeu, os induciu a facer oposición e a vivir na cidade grisalla: a seguranza dunha carreira ben paga e un retiro aínda mellor compensado… Algún esaxerado mesmo largou que a Unión Europea é unha quimera a piques de remate. Á procura de culpables do desastre logo se apunta co dedo aos ingleses, toupas dos ianquis, empeñados en que se fixese unha ampliación rápida para que os países do leste viñesen lastrar a Unión. “E por riba queren que se nos metan os turcos”.
Con todo, a cousa aínda funciona. Hai países serios na Unión: os protestantes, e algún no que os católicos romanos se contaxiaron dos luteranos. O norte é serio, mesmo a Gran Bretaña avarenta, sempre a pensar no do ut des. Con ver como se reparten as subvencións para proxectos de I+D abonda para entendermos que onde o analfabetismo era pecado, porque cumpría ler a Biblia en lingua nacional, medraron as sementes da ciencia e da técnica. Empresas e institucións do Norte presentan a concurso en Bruxelas propostas sólidas, e gañan. Se cadra non hai país europeo onde as manipulacións do diñeiro deixasen de afectar a economía, pero os que inventan e honran a quen se atreve a producir con calidade sofren unha crise amolecida; e ven luz á fin do túnel.
Eses van soster a Unión, e o euro. Detalle importante: os funcionarios do Sur, coñecedores dos fíos secretos, andan a sacar os aforros dos bancos dos seus países e metelos en “euros alemáns ou holandeses”, en entidades rexidas pola moral calvinista…
Cando se botou a andar a unión monetaria, houbo serias advertencias de que non ía funcionar porque faltaba certa unificación previa: a das regras de xogo do diñeiro en cada estado. Se non se xoga da mesma maneira, mal pode funcionar un sistema común.
Aínda así, decidiuse botar para diante, experimentar e corrixir no seu momento se fixer falta. E acabouse sabendo que –a seguir con letras de tango– “al mundo le falta un tornillo”: a globalidade levounos a que as quebras do sistema americano arrastrasen o sistema europeo. ¿Vai ser o 2011 o ano en que os inventores serios do euro dean gobernado aos que gozaban del facendo trapalladas de todo xénero?
Á capital administrativa da Unión Europea chegan fríos que veñen de lonxe, do oeste, do sur, do sueste e do sudoeste. Ao que máis se lle teme é ao do sudoeste: España asusta por varias razóns (Portugal non conta a peniñas).
España fai arrefecer o quartier européen porque nela vive xente de máis; e non só os de sempre senón os que viñeron hai pouco. En España non se inventa nada, non se produce máis que réditos de turismo e –xa minguadísimos– da construción. Cando comezou a invasión de inmigrantes había un dez por cento de parados, dos que moitos non querían choiar (Andalucía é un paradigma: peonás por unha banda e africanos explotados coma escravos por outra). Agora seica hai un vinte por cento de desempregados e sobran dous millóns e medio de inmigrantes que nunca van ter traballo. O sistema social español non se pode recuperar de ningunha maneira máis que por métodos nazis: expulsións masivas… ¿A onde?
A Europa produtiva treme pensando nos incontables de parados de España que non teñen formación máis que para traballos bastos, que non serven alén dos Perineos; e que nunca van marchar porque sempre vivirán mellor da caridade española que nas profundas miserias dos seus países de orixe.
¿Vai ser 2011 o ano do choque brutal coa realidade en España? ¿Vai poder aguantar a unión monetaria corenta e cinco millóns de incapaces de producir con xeito algo vendible? No país do tango pódense facer corralitos e cantas macanas lles peten aos que mandan na Casa Rosada porque alí non hai saúde pública universal e a xente non ten vergoña de achegarse á olla popular, pero en España iso non vale…
Desde a Praza de Luxemburgo, a tarde gris a reflectirse na vidreira descomunal do Parlamento, Galicia vese como un laboratorio de experimentación social para a ageing Europe, a Europa que envellece. A preocupación polo abandono do rural, a emigración da xente nova e a falta de nacementos ten no Finis Terrae dos romanos un campo de probas perfecto. Os grandes proxectos de sobrevivencia cunha pirámide de poboación invertida sen remedio pódense pór en prática no Impaís Levitante.
A Xunta de Galicia debería crear unha Consellería de Despoboamento que andase atenta a todos os topics que ofrece xa o Sétimo Programa Cadro de I+D en relación a disfuncións, discapacidades e doenzas da idade madura; e as liñas correspondentes no Oitavo. A xente nova que fique, apoucada e incapacitada para facer nenos, polo menos que vaia administrando o diñeiro da Comisión Europea para experimentar en propia carne social o que tanto interesa en Bruxelas. En Galicia floreceron as fábricas de conservas. Agora trunfa a industria de tanatoestética, cremacións e enterros.
¿Futuro para España? Que algún rapaz nacido nela ame tanto o bo vivir de Al-Ándalus como os musulmáns de alén Xibraltar; que se arrisque a ficar, a inventar e producir. Que non nos deixen volver á peseta os que renunciaron ao marco. E que o euro non perda o valor xurídico como calquera moeda pataqueira iberoamericana.
No entanto, na Unión –nórdica– que se expresa en Eurenglish o futuro ten nome de programa, Knowledge-based bio-economy (Bioeconomía baseada no coñecemento), e seica os luteranos andan empeñados en desenvolvelo. 2011 élles o ano de xuntaren forzas.

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 29/12/2010]

Share