A nosa aposta (Place du Luxembourg, 23/11/2010)

Crise, caramba, todo é crise. Os amigos portugueses mesmo falan de fame. Os galegos vellos din que “en España habemos vivir polas almiñas”. O de Grecia estaba previsto, porque os gregos son uns anarcos illados no seu arquipélago incontable, o de Irlanda era de esperar pois un país non é un parque tecnolóxico, o de Italia logo rebenta (aínda que os italianos son artistas da supervivencia)…
Brubel (Bruxelas-Babel). Estamos na Place du Luxembourg, morreu o día e a praza énchese de luz e rapaces ben abrigados a beber cervexa de pé. O inmenso Parlamento Europeo reflicte o seu poder cara ás nubes baixas. O Chema Sáinz, ferrolán, é intérprete de neerlandés, inglés, sueco, alemán, castelán, italiano, portugués e francés. Entende que os españois naceron tarados para os idiomas por culpa do castelán invasivo, unha forma de galego oriental simplificado polo contacto cos vascos. Só ten cinco vocais e non hai nada que facer: os españois son xordos.
O Chema é o tesoureiro de Couto Mixto e de Doa, as confrarías galegas de Brubel, unha asociación cultural e un clube de debate. Aquí os galegos son todo masa gris educada para a subsistencia no baluarte da europeidade, onde o menos importante (que todos fan) é falar inglés e francés. O que importa é crer na Unión Europea e traballar pola idea con acerto.
De Doa é o Xosé Manuel Silva, que levaba anos á fronte da Dirección Xeral de Investigación e volve ser director xeral de Agricultura. Non veu ao último acto de Doa porque andaba asinando colaboracións científicas cos BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica). Fixemos unha homenaxe a Gonzalo Torrente Ballester polo seu centenario. Organizouna a Mar Nogueira e tivo lugar no Instituto Cervantes, onde manda María González, de Monforte, cunha casa propia tan aberta a todo visitante que xa foi nomeada “Pensión La Monfortina”, ben propia do Madrid onde estudou.
Mar e María son de Doa, moi activas. Aquela noite foi para lembrar. Emoción no Cervantes, e colaboración como o Xesús Gamallo quere: todos os galegos xuntos, aínda que nos separen as ideoloxías. Para debater, ollo: ¿Por que grandes escritores galegos, que tiraron substancia literaria do seu país, a verteron en castelán? Un flamengo sería crucificado se escribise en francés historias de Flandres.
¿E cando vai rachar Bélxica? Pois…, mentres corra o euro en Flandres e a Valonía, ¿para que romper? Ten o seu aquel que Bélxica presida a Unión Europea no estado de ruptura en que se acha, ¿non? É un comentario repetido entre os expatriados españois: xa fixera España ridículo dabondo na súa presidencia para que agora estean os belgas, tan poucos e tan divididos, a dar leccións. Aínda ben que a seguir veñen mandando os húngaros, unidísimos nunha lingua diabólica e nun pasado triste, plano, aberto, serpeante coma o seu Danubio.
¿Onde fica esperanza para Europa? Tal vez na masa vibrante de rapaces que se encontran ás tardes na Praza de Luxemburgo: mostra ao mundo de como se entenden persoas novas de vintesete países con vintedous idiomas estatais e unha ducia máis sen status oficial.
¿Apostamos pola Unión e polo euro?
Apostamos. Non imos apostar por USA e a China, polo dólar e o iuán. Era boa…

[Revista ECO, Place du Luxembourg, 23/11/2010]

Share