Democracia ao instante

Cando Timothy Berners-Lee concibiu a súa idea de como mellor aproveitar a Internet, xamais pensou que ía mudar o mundo, todo o mundo. Na súa cabeza coubo, si, facilitar a vida dunha pequena rede social global, a dos físicos de partículas. Esa foi a primeira rede que existiu, xa con características do que hoxe se multiplica de maneira que nin un físico da materia atómica aceptaría fóra do seu ámbito invisible.

Logo de Berners-Lee viñeron os programas navegadores, aumentou espantosamente a capacidade de procesamento e transmisión de datos, e o Globo se foi cubrindo con centos de millóns de servidores textuais e icónicos con capacidade interactiva. As redes sociais proliferaron, especializáronse. Triunfaron dous conceptos, o de Twitter e o de Facebook. Tres, se contamos con Youtube. Catro, engadindo WhatsApp. Ou cinco, que Linkedin é básica no eido profesional.

Son sistemas estabilizados, mais vivimos en situación metaestática; cada día xorde un novo intento de pór xente en comunicación de xeito «especializable»: as ideas nacen, lánzanse á interrede mundial e vaise vendo o resultado. Unhas trunfan e outras fenecen no intento. As que trunfan fano por especialización.

Hoxe só existe o que existe na web, arañeira universal que sustenta todas as redes sociais. Os grandes medios de comunicación tradicionais teñen que pasar por elas (non vaiamos moi lonxe: véxase a política de expansión e realimentación de La Voz). Xa non valen o xornal, a radio ou a televisión a soas. A realidade que manda é a da rede social, o inmenso Río da Prata -o máis ancho do mundo- ao que verten afluentes de todos os tamaños, incluso enormes Paranás e Uruguais.

O intre comunicativo en que vivimos ten unha característica definitoria: quen tenta «estar no mundo» hoxe conecta o seu sitio privado na web con (como mínimo) Twitter e Facebook, en cadea, e manda ligazóns a Youtube e a calquera outro sitio que complete a súa intención comunicativa. Pode -como non- conectarse a redes sociais máis «filtradas» (velaí Linkedin).

En fin, esperemos que a tolería xeral do mundo non leve á censura, aos recortes na liberdade de expresión, ás zonas escuras coma Corea do Norte ou Cuba. No fondo, as redes sociais son a proba de lume diaria da democracia. Ofrecen «democracia ao instante» (tomen nota administradores e políticos).

Xavier Alcalá. Xestor de relacións científicas da UDC

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 04/05/2015]

Share