Chiringuitos en Bruxelas

Foi Juan Rodríguez Yuste, conselleiro de don Manuel, quen deu en bater nos «chiringuitos». Daquela, a Fundación Galicia-Europa (hoxe case defunta) levaba anos traballando a prol de Galicia en Bruxelas. Xa a dirixiran persoas de tan boa visión coma Manuel Morán. Curiosamente, Yuste era coñecido por europeísta.

Isto vén ao fío dun comentario feito por certo neocastrapeiro nas mañás da RG. O rexoubante (que non aguantaría unha conversa no Eurenglish da capital de Unión Europea), cargaba contra os «chiringuitos de Bruxelas». E pola mesma data mandaba carta ao director de La Voz un madrileño argumentando contra un aparente absurdo: que as comunidades autónomas españolas teñan escritorios en Bruxelas cando España xa ten representación permanente ante a UE. Se cadra habería que xuntar ambos opinadores cos galegos que resisten en Bruxelas mirando polo país malia o empeño de Rajoy e o seu acólito Feijoo por acabaren co que avanzaran Laxe, don Manuel e Touriño (este, a piques de abrir alá oficina de apoio aos empresarios galegos para licitacións directas da CE). Virían logo saber que a CE ten visión rexionalista de Europa: quere tratar os asuntos a nivel rexional. E que a REPER española ten tanto funcionario de Madrid que carece de sitio onde aloxar «xente de provincias».

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 25/04/2015]

Share

One Comment

Comments are closed.