Megaplantas solares

Hai pouco La Voz informaba da entrada en servizo dun novo parque eólico galego, cando o negocio das enerxías alternativas fraquea por falta de subvencións. A noticia é importante, tanto máis se a empresa propietaria manifesta ter levado adiante o proxecto porque lle é rendible sen apoios de diñeiro público.

Entre a xente corre o mito de que sobra petróleo no mundo e que, indo á baixa o ouro negro, as alternativas a el vanse desacelerar (aínda máis se a produción de gas natural aumenta). E aparentemente así é; pero, cando se fura nas capas profundas do negocio, logo se ve que empresas, institucións e Administracións con programas a longo prazo seguen a investir nas «tecnoloxías verdes» de xeración, almacenaxe e transmisión de enerxía.

Se o caso do parque eólico galego resulta rechamante, máis o son as plantas fotovoltaicas recentemente construídas «a prezo de mercado» no deserto californiano. Atinxen picos de 500 megavatios con 8 millóns de «células de baixo rendemento mais alta relación potencia/prezo». Mentres o Solar Impulse segue a dar a volta ao mundo enerxizado polas súas «ás fotovoltaicas», cómpre preguntarse cal é o prezo de mercado das alternativas, e quen o marca. Polo momento márcano aqueles que investigan e fabrican, mesmo sobrándolles o petróleo, como os ianquis.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 01/04/2015]

Share